A Xunta destaca que as casas do maior impulsan a dinamización social na súa contorna

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitaron as instalacións de ‘Esmorga Paramesa’, no municipio do Páramo

O Páramo (Lugo), 19 de maio de 2023 As casas do maior promoven un envellecemento saudable e activo para os usuarios, son un recurso de conciliación para as familias, e impulsan a dinamización social na súa contorna. Así o destacaron hoxe no Páramo o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.

Os responsables autonómicos visitaron as instalacións da casa do maior “Esmorga Paramesa”, que xestiona Adriana Seijo González, coñeceron aos usuarios e interesáronse polas actividades que desenvolven, moitas delas en colaboración co concello, o colexio ou establecementos da localidade; tamén realizan saídas e excursións. “A casa é un espazo onde os maiores socializan entre eles e interactúan coa comunidade”, afirmaron.

As casas do maior ofertan un máximo de cinco prazas, gratuítas para os usuarios, e son un recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal. O servizo comprende a atención diúrna específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, adaptándose ás necesidades de cada caso, nun ambiente e trato familiar co fin de evitar ou atrasar a institucionalización de persoas maiores e reducir o illamento social.

A Consellería de Política Social e Xuventude ten aberta a convocatoria de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior para os anos 2023 e 2024, e o prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro luns, día 22.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023