O DOG publica catro resolucións da Xunta coas axudas concedidas en 2022 para apoiar a calidade agroalimentaria galega por importe de 4,4 M€

Dáse así publicidade ás subvencións que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria para agricultores, consellos reguladores e outras entidades co fin de fomentar a excelencia nas producións, garantir os controis precisos e facer promoción

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe catro resolucións diferentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, polas que se dá publicidade a varias liñas de axudas desta Axencia referidas ao ano 2022. En conxunto, estas achegas suman 4,4 millóns de euros.

Infórmase, deste xeito, sobre as subvencións que xestiona a devandita Axencia para agricultores, consellos reguladores e outras entidades coa fin de fomentar a excelencia nas producións, garantir os controis precisos e facer promoción das diferentes producións de calidade da nosa comunidade.
 

Así, en primeiro lugar publícase a resolución pola que se dá publicidade ás subvencións á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020. Neste caso, foron 692 os beneficiarios, cunha axuda total que roldou os 200.000 euros. 

En segundo termo, dáse publicidade ás axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, tamén cofinanciadas co Feader. Trátase de 67 beneficiarios, por un importe global de 3,3 millóns de euros. 

A terceira resolución refírese ás subvencións concedidas aos consellos reguladores das denominacións de calidade para gastos de funcionamento para o exercicio 2022. Neste sentido, foron 25 as entidades beneficiarias, cunha axuda total de 540.000 euros. 

Por último, tamén en relación cos consellos reguladores, no DOG de hoxe dáse publicidade ás axudas para programas de calidade desenvolvidos por estes organismos. Aquí aparecen reflectidas subvencións por importe global de 340.000 euros, que beneficiaron 16 entidades agroalimentarias galegas.

 
Enlaces ás resolucións do DOG:
 

Resolución pola que se dá publicidade ás subvencións á nova participación de agricultores en réximes de calidade:

 
 

Resolución pola que se dá publicidade ás axudas para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior:

 
 

Resolución pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas aos consellos reguladores das denominacións de calidade para gastos de funcionamento:

 
 

Resolución pola que se dá publicidade ás axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias:

 

Data de actualización: 19/05/2023