Máis de 600 galegos universitarios do exterior interesáronse por conseguir unha bolsa BEME para estudar un mestrado en Galicia o próximo curso

A Secretaría Xeral da Emigración recibiu solicitudes para estas axudas formativas dende 35 países de tódolos continentes

Arxentina dispara o número de galegos universitarios do exterior interesados nes-tas axudas, seguidos de Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Cuba, Reino Unido, Alemaña, Francia e Portugal

Como curiosidade, presentáronse solicitudes dende Arabia Saudita, Suecia, Austra-lia e Cabo Verde

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2023 A Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude de bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, BEME, con máis de 600 galegos universitarios do exterior interesados por conseguir un máster nunha das tres universidades galegas. As solicitudes chegaron dende 35 países de tódolos continentes.

Estas bolsas destínanse a galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan a UVigo, a USC e a UDC en calquera dos seus campus.   

O obxectivo destas bolsas é que estes mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia.

Todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Por países, cabe destacar que Arxentina volveu a ser, ao igual que o pasado ano o que maior número de solicitudes iniciou, con 242. Por número de demandantes, os países que presentaron máis candidatos foron posteriormente: Uruguai, Brasil, Venezuela, México, Cuba, Reino Unido, , Alemaña, Francia e Portugal. Como curiosidade, tamén chegaron solicitudes dende países coma Arabia Saudita, Suecia, Australia ou Cabo Verde.

A bolsa, cuxo importe vai dos 7.500 aos 12.000 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo e segundo o número de créditos a realizar), destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.   

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2023