O director do Instituto de Estudos do Territorio explicoulles as funcións e actividades que desenvolve este organismo

Unha delegación do alumnado de enxeñería civil da USC visita o IET para coñecer o seu traballo en materia de cartografía e protección da paisaxe

Enrique de Salvador subliña que esta visita supón un reforzo para a formación integral destes estudantes

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2023

Unha delegación de alumnado do Grao de Enxeñería Civil da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago visitaron recentemente o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para coñecer o seu traballo en materia de cartografía e protección da paisaxe. 

O director do IET, Enrique de Salvador, subliñou que esta visita supón un reforzo para a formación integral destes estudantes xa que tiveron a oportunidade de coñecer as ferramentas coas que conta o organismo para desenvolver as súas funcións no tratamento da información cartográfica, a xestión de datos espaciais, visores, ordenación do territorio e no estudio e conservación da paisaxe. 

Así mesmo, o alumnado puido comprobar a aplicación das técnicas e tecnoloxías que se empregan no eido dos sistemas de información xeográfica, que permiten unha mellor planificación de proxectos técnicos tanto no que atinxe á súa construción como ao mantemento e conservación de infraestruturas xa existentes.

De Salvador subliñou que a finalidade desta visita é avanzar na capacitación do alumnado en estudos de planificación territorial para que asuman a importancia de considerar os aspectos ambientais á hora de elaborar os seus proxectos para dotar os espazos urbanos de deseños sostibles, respectuosos coa contorna e acordes ás necesidades da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2023