A Xunta recibe 5 ofertas para executar a mellora hidráulica no Río Anllóns e reducir o risco de inundacións ao paso pola Cepeira, en Carballo

A actuación, licitada por máis de 1,2 M€, céntrase na mellora hidráulica do río na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, na zona de Sísamo


As intervencións teñen un prazo de execución de 7 meses e apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural


Os traballos enmárcanse no convenio de colaboración entre Xunta e Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento, cun investimento total de 6,3 M€
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2023

A Xunta recibiu un total de 5 ofertas de empresas para executar as obras de mellora no río Anllóns para reducir o risco de inundacións ao paso pola Cepeira, no concello de Carballo.

Esta actuación, licitada por máis de 1,2 M€ céntranse na mellora hidráulica do río na zona de Sísamo, concretamente na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552.

Os traballos contan cun prazo de execución de 7 meses e enmárcanse no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

Entre as accións que se consideran máis prioritarias e que son as que se impulsan a través desta colaboración están estas obras da mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo; e as comezadas o pasado 5 de maio de remodelación do parque de San Martiño e de realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto.

Tamén se inclúen as actuacións, xa licitadas e en fase de contratación, da reforma da ponte sita na rúa Fomento, coa remodelación do leito e motas de contención augas abaixo da ponte; e a de remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol. 

As actuacións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no convenio, a Xunta é a encargada da redacción dos proxectos e de executar as obras correspondentes ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes; así como a obriga de recibir as actuacións e levar a cabo o seu mantemento e conservación.

Data de actualización: 18/05/2023