As pemes galegas poden solicitar ata o 5 de xuño os apoios da Xunta para contratar xestores de internacionalización

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,3 millóns de euros a este programa co que se facilita a incorporación ao mercado laboral de profesionais con formación ou experiencia en comercio internacional co obxectivo de apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados

As axudas alcanzan ata o 90 % do custo da contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2023

As pequenas e medianas empresas galegas poden solicitar ata o 5 de xuño as axudas para a contratación de xestores de internacionalización, ás que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,3 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais ou adquirir experiencia en comercio internacional ao tempo que se contribúe a mellorar as vendas no exterior do tecido empresarial galego.

Aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para a súa contratación.

A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.

As axudas poderán alcanzar ata o 90 % do custo de contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

Este programa enmárcanse na Estratexia de Internacionalización da Xunta de Galicia, unha de folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados.

Data de actualización: 17/05/2023