A Xunta adxudica a redacción do proxecto para a mellora da intersección e de reordenación dos accesos da estrada OU-540 na Manchica, no concello da Merca

O contrato, adxudicado por máis de 18.000 euros, definirá as actuacións necesarias para a mellora da seguridade viaria nesta vía autonómica ao seu paso polo municipio

Definirase unha rotonda no quilómetro 14+920 da OU-540, na súa intersección coas estradas provinciais OU-0201 e OU-0202, o que permitirá canalizar con seguridade os principais movementos nesta zona de acceso á autovía de Celanova

Deseñarase tamén un novo acceso ao principal ámbito de solo urbano da Manchica, no quilómetro 15+250, conectando a OU-540 coa rúa Val do Seixo 4

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 18.000 € o contrato para a redacción do proxecto de mellora da intersección e de reordenación dos accesos da estrada OU-540, na Manchica, no concello da Merca.

O contrato, adxudicado á consultora Diagrama Ingeniería Galicia S.L., permitirá definir as actuacións para a mellora da seguridade viaria nesta vía autonómica ao seu paso polo municipio ourensán.

Por un lado, a través deste contrato deseñarase unha rotonda á altura do punto quilométrico 14+920 da OU-540, na súa intersección coas estradas provinciais OU-0201 e OU-0202. Esta última constitúe o acceso á autovía de Celanova (AG-31), polo que a nova rotonda canalizaría con seguridade os principais movementos que se producen na zona.

Por outra banda, proxectarase un novo acceso ao principal ámbito de solo urbano da Manchica, no quilómetro 15+250, conectando a OU-540 co viario interior do solo urbano, que se corresponde coa rúa Val do Seixo 4.

 

Data de actualización: 17/05/2023