A directora xeral de Patrimonio Natural acompañou a un grupo de voluntarios na retirada da especie Tradescantia fluminensis en Vedra

A Xunta valora a colaboración da asociación ambiental Amabul en tarefas de concienciación e erradicación da flora exótica invasora

Do Campo salienta que máis de 2.200 escolares de nove centros educativos das catro provincias participaron en actividades de divulgación ambiental sobre esta problemática

Vedra (A Coruña), 16 de maio de 2023 A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxo hoxe en valor a colaboración da asociación ambiental Amabul en tarefas de concienciación e erradicación da flora exótica invasora. 

Durante o encontro que mantivo hoxe cun grupo de voluntarios e directivos desta asociación en Vedra, a directora xeral incidiu en que as tarefas de retirada levadas a cabo por Amabul permitiron a retirada, desde o ano 2020, de preto de 10.400 quilogramos de Tradescantia fluminensis da ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza. 

A maiores, Do Campo subliñou o compromiso desta entidade coa concienciación da sociedade ante a problemática da flora exótica invasora. De feito, máis de 2.200 escolares de nove centros educativos das catro provincias participaron en actividades de divulgación ambiental sobre esta cuestión co obxectivo de promover entre o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria a necesidade de erradicar estas especies dos espazos naturais galegos para protexer a nosa biodiversidade. 

Este programa de divulgación, que continuará en vindeiros anos, incluíu 25 obradoiros ambientais, a exposición itinerante Unha ameaza chegada dun espazo exterior, o reparto da unidade didáctica A flora exótica invasora no curso medio dos ríos galegos, e a difusión de contidos a través de carteis, unha páxina web e as redes sociais da asociación.

Durante os seis meses no que se levou a cabo este programa ambiental participaron nas devanditas actividades o CEIP Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela), o IES de Arzúa, o CEIP Plurilingüe Lagostelle (Guitiriz), o CEIP Manuel Mato Vizoso (Vilalba), o CEIP Virxe do Camiño (Rubiá), o CEIP Valle-Inclán (Muíños), o CEIP P. Froebel (Pontevedra), o CEIP Plurilingüe de Conmeniño (O Grove) e o IES Ramón Cabanillas (Cambados).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023