A Xunta insta ao Concello de Betanzos a asumir a súa obriga e corrixir as deficiencias do paseo do porto
O Executivo galego remitiu a principios deste mes un escrito á Administración local requirindo que adopte medidas para facer fronte ao deterioro existente na zona dando cumprimento ao convenio de mantemento asinado entre ambas entidades
A Xunta de Galicia insta ao Concello de Betanzos a asumir a súa obriga e corrixir as deficiencias que presenta o paseo do porto da localidade para dar cumprimento ao establecido no convenio asinado con Portos de Galicia no ano 2008. Así llo lembrou o ente público á Administración local nunha comunicación oficial remitida a principios deste mes.
O Executivo galego censura que o Goberno local trate de responsabilizar ao organismo portuario do estado actual desta infraestrutura pois o acordo subscrito no seu momento recolle que é responsabilidade do Concello adoptar medidas para facer fronte a situacións deste tipo. De feito, o convenio indica claramente que é a Administración municipal quen debe asumir o custo de conservación da zona, o seu mantemento e a limpeza das obras de urbanización executadas por Portos de Galicia.
Nesta liña, a Xunta salienta que se a zona se atopa en mal estado de conservación é pola desidia e abandono do Concello de Betanzos, que non realizou os traballos de mantemento necesarios. Por iso, Portos de Galicia lémbralle á Administración local que debe cumprir coas súas obrigas e que, se quere formalizar a extinción do convenio, debe asumir as súas responsabilidades e deixar as instalacións en boas condicións. Por tanto, tería que arranxar, entre outras, as deficiencias detectadas no pavimento da zona anexa ao club náutico e reparar a varanda de madeira do paseo.