Lorenzana presenta na oficina de emprego das Pontes o sistema ‘EMI’ que integrará a intelixencia artificial para mellorar o apoio ás persoas que buscan traballo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade mantivo hoxe un encontro co persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia da localidade

A oficina das Pontes e as outras 53 existentes en Galicia aproveitarán a intelixencia artificial para axustar os perfís ás demandas do mercado laboral

Unha persoa incorporouse este ano á oficina das Pontes como orientadora para desenvolver o programa de seguimento intensivo da demanda e acompañar de xeito máis persoal ás persoas usuarias con maiores dificultades para empregarse

As Pontes (A Coruña), 16 de maio de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a oficina de emprego das Pontes, onde abordou co persoal as novas medidas que a Xunta de Galicia implementará nos próximos meses para modernizar o servizo galego de emprego, e que suporán unha mellora na casación da demanda laboral coa oferta de postos por parte do tecido produtivo e para reforzar a orientación e prospección do mercado para colectivos con dificultades.

Lorenzana mantivo un encontro co persoal das Pontes, ao que agradeceu de antemán a súa implicación no proceso de cambio que afectará ás oficinas e que pasa pola dixitalización dos procedementos que aproveitarán as potencialidades da intelixencia artificial a través do sistema EMI (Emprego intelixente).

Tal e como destacou, unha das principais novidades no servizo será a implementación da nova ferramenta xa neste mes de maio, e con carácter piloto, en tres oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes). Baseada na intelixencia artificial permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público.

Tratarase, tal e como destacou a titular de Promoción do Emprego, de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada en prol da xeración de máis de mellor emprego en Galicia.

O Goberno galego, por outra banda, realizará un seguimento intensivo das persoas usuarias das oficinas con maiores dificultades para atopar traballo, informou a representante autonómica no curso do encontro.

A oficina das Pontes conta desde este ano cunha persoa de reforzo que asume as tarefas de orientación e prospección laboral. Trátase dun dos 136 postos creados pola Consellería de Promoción do Emprego de xeito estructural este ano para brindar unha mellor atención aos colectivos prioritarios e brindarlles máis e mellores oportunidades.

Entre outras funcións, a área de orientación asumirá nas Pontes o desenvolvemento do novo programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo.

O programa porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.  

A estas persoas, informou a conselleira, outorgaráselles información e se lles explicará de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo Público de Emprego de Galicia, coa finalidade última da mellorar a súa empregabilidade.   

Lorenzana avogou por facer partícipe ao persoal das oficinas no proceso de renovación integral no servizo público que está a acometer a Xunta.  Na xuntanza de hoxe co persoal das Pontes, agradeceu o esforzo das súas traballadoras e traballadores ante os cambios que están a enfrontar.

A oficina de emprego das Pontes, situada na rúa Emilia Pardo Bazán, atendeu no ano 2022 máis de 4.200 citas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023