A Xunta inicia as obras para a preinstalación de alumeado público na avenida Barreais do Concello da Rúa

Esta intervención de mellora da seguridade viaria supón un investimento de case 50.000 €

Actuarase en preto de 1 km na marxe esquerda da OU-602, desde a súa intersección coa OU-933 e o Camiño Viña da Santa

Os traballos comprenden a instalación de 22 postes de iluminación de aceiro galvanizado, completando a actuación o Concello coa instalación das luminarias

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras para a preinstalación de alumeado público na estrada autonómica OU-602, coincidente coa avenida Barreais, no concello da Rúa.

 

Esta intervención, que supón un investimento autonómico de preto de 50.000 euros, descorre ao longo de preto de 1 quilómetros desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+650 e 1+570, coincidente co tramo situado na marxe esquerda desde a intersección da OU-602 coa estrada OU-933 e o Camiño Viña da Santa.

 

Os traballos consisten na preinstalación de iluminación neste treito co obxectivo de contribuír á mellora da seguridade viaria das persoas que transiten polas marxes desta estrada ao seu paso polo municipio.

 

A avenida Barreais atravesa nun primeiro treito unha zona industrial con amplas marxes a ambos os dous lados, e o segundo treito conta con cuneta tendida nunha das marxes e sobreancho de formigón que conforma a beiravía pola outra marxe.

 

Para executar a nova canalización de iluminación nesta zona da OU-602, as obras que veñen de comezarse aproveitarán os sobreanchos da zona industrial e, no segundo treito, executarase a canalización no exterior da plataforma xunto á cuneta existente.

 

A canalización eléctrica desenvolverase a través dun tubo de polietileno de 90 mm de diámetro, soterrado en gabia recheada con chan seleccionado de préstamo.

 

Na execución da gabia e o tendido da tubaxe, os traballos fan necesario a demolición dos tramos onde actualmente existe un pavimento de formigón, bandas laterais en zona industrial, que unha vez sexa completado o recheo serán repostos con formigón.

 

Tamén se disporán arquetas prefabricadas de formigón de dimensións 40x40x40 centímetros nos cruces e quebros da canalización.

 

A preinstalación de iluminación completarase coa disposición de 22 postes de iluminación, de aceiro galvanizado, de 9 metros de altura, coa súa correspondente cimentación.

 

Ademais, a nova canalización conectará ao comezo e ao final con postes existentes de iluminación pública onde se dispoñen tubos de paso aéreo-subterráneo.

 

A previsión é que, unha vez estean rematados estes traballos, o Concello complete a actuación instalando as luminarias nos postes que se dispoñen no marco desta intervención.

 

A obras desenvólvense dentro da banda de dominio público da OU-602, polo que non precisa de expropiacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023