O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica respondeu na Comisión 8ª do Parlamento a distintas preguntas relacionadas coa actividade da Consellería

Os afectados pola parada temporal da actividade marisqueira nos bancos da ría de Arousa poden pedir as axudas ata o 2 de xuño

A Xunta lembra que esta medida se estableceu de xeito coordinado co propio sector como medida técnica de conservación e que conta cun orzamento de algo máis de 4 millóns de euros para chegar ao maior número de profesionais posible

A previsión é que poidan acollerse a estas achegas arredor de 420 embarcacións e uns 700 profesionais do sector garantíndose un mínimo diario de 100 euros por embarcación e un máximo de 50 euros por tripulante por cada xornada de inactividade

Antonio Basanta lamenta que os plans de futuro presentados por Bruxelas no eido marítimo-pesqueiro teñan un marcado carácter medioambientalista, que non fagan autocrítica sobre a Política Pesqueira Común nin propostas para solucionar os retos máis inmediatos da actividade

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que os afectados pola parada temporal nos principais bancos marisqueiros da ría de Arousa -Lombos do Ulla, Bohído e Cabío- poden solicitar ata o vindeiro 2 de xuño as axudas compensatorias por esa paralización da actividade.

O representante da Consellería do Mar detallou que a orde publicada polo Diario Oficial de Galicia o pasado 25 de abril establece que o prazo de presentación das solicitudes de achegas é dun mes contado a partir do día hábil seguinte ao de finalización do período de paralización temporal -comprendido entre o 1 de febreiro e o 30 de abril-, polo que o prazo está aberto desde o pasado 2 de maio ata o 2 de xuño.

O director xeral incidiu en que este paro foi coordinado co propio sector como medida técnica de conservación e que conta cun orzamento -cofinanciado co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- de algo máis de 4 millóns de euros.

Os potenciais beneficiarios destes apoios son as persoas armadoras e tripulantes das embarcacións da 3ª lista (de pesca profesional) con porto base en Galicia afectadas pola paralización da actividade e que desenvolvesen a actividade cando menos 120 días entre os anos 2021 e 2022. De feito, a previsión é que poidan acollerse a estas axudas arredor de 420 embarcacións marisqueiras e uns 700 profesionais do sector.

Antonio Basanta salientou que a achega corresponderase cun período de 61 días hábiles de parada entre o 1 de febreiro e o 30 de abril deste ano garantíndose un mínimo diario de 100 euros para cada embarcación e un máximo de 50 euros por tripulante por cada xornada de inactividade.   

O representante da Xunta lembrou que as características desta medida e os requisitos para acceder a ela son froito do contacto constante cos representantes das confrarías de pescadores afectadas tratando en todo momento de beneficiar ao maior número de profesionais posible e atendendo ás distintas situacións existentes.

De feito, incidiu, esta parada estableceuse mediante a modificación do plan de xestión da asociación Rañeiros da ría de Arousa co obxectivo de favorecer as condicións de vida e traballo dos profesionais da zona así como avanzar na recuperación e na explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Políticas europeas

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén respondeu unha pregunta sobre os plans de futuro presentados por Bruxelas no eido marítimo-pesqueiro, un asunto no que lamentou o desequilibrado medioambientalismo que rexe a xestión pesqueira da Comisión Europea ao primar sempre o aspecto medioambiental por enriba do social e o económico cando deberían estar en igualdade de condicións.

Nesta liña, Antonio Basanta incidiu en que o ditame do Executivo comunitario sobre a revisión da Política Pesqueira Común (PPC) é incoherente -pois propón medidas sen ter datos ou demandando avaliacións posteriores á proposta-, incompleta -ao non analizar moitos aspectos-, ineficaz -pois adoece de medidas tanxibles, realistas e aplicables-, inxusta -porque carga sobre o sector os novos sacrificios e atribúe os logros conseguidos entre a sociedade, as administracións e o sector- e inconexa, xerando desigualdade nas regras de xogo e incoherencia nas políticas comerciais.

O representante da Consellería do Mar subliñou ademais que a avaliación de Bruxelas sobre a revisión da PPC se fixo sen autocrítica nin medidas de corrección en aspectos que son mellorables. Nesta liña, lamentou o total desprezo polo aspecto social mostrado pola Comisión Europea pois no seu ditame aborda esta cuestión unicamente en dúas páxinas e só un dos oito retos que sinala é de carácter social, a remuda xeracional.

De feito, destacou, esta cuestión aparece como cuarto piar, por detrás doutros como o cambio estrutural cara a defensa do medio ambiente ou a mellora da eficiencia enerxética, para os que tampouco fai propostas que permitan afrontar eses desafíos. Deste xeito, o director xeral concluíu que as propostas de Bruxelas non resolven problema ningún e están moi lonxe do que o sector marítimo-pesqueiro galego expresou e demandou no seu ditame sobre a revisión da PPC.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/05/2023