A Xunta reforza os equipos psicosociais do Imelga en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia e a Asociación Nacional de Peritaxe Social
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou os acordos coa decana Mª Rosa Álvarez e a presidenta Anahí Silvia Rama en representación das respectivas entidades
O obxectivo é darlle resposta á elevada demanda de valoracións por parte dos xulgados e tribunais en materia de familia tras a entrada en vigor de nova normativa
A Xunta reforza os equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia (COPG) e a Asociación Nacional de Peritaxe Social (ANPS). Así se estableceu nos respectivos convenios asinados polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, coa decana do COPG, Mª Rosa Álvarez, e a presidenta da ANPS, Anahí Silvia Rama. O obxectivo é darlle resposta á elevada demanda de valoracións por parte dos xulgados e tribunais en materia de familia.
A maiores desta achega, o Goberno galego comprométese a proporcionar espazos axeitados para a realización do traballo pericial en dependencias administrativas ou xudiciais propias, así como a facilitar a formación dos peritos.
Medidas organizativas de reforzo
O convenio formalizado hoxe súmase ás medidas organizativas de reforzo impulsadas nos últimos meses co obxectivo de atender as peticións de informes psicosociais por parte dos órganos xudiciais, como o incremento de dedicación dos equipos do Imelga para esta tarefa e a habilitación de horas extraordinarias voluntarias.