O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, participa no encontro territorial do Plan Conecta FP

A Xunta analiza cos empresarios de Ourense as posibilidades da FP para dar resposta o tecido produtivo da zona a través do Plan Conecta

O responsable de Educación do Goberno galego destaca a importancia da colaboración entre o eido educativo e o empresarial para deseñar unha “formación especializada” que redunde en beneficio “do conxunto da sociedade”

Preto de 5.000 alumnos, un 50 % máis ca na última década, estudan algún dos 126 ciclos que se imparten nesta zona

O encontro, celebrado no Centro Galego de Innovación da FP, forma parte da análise das diferentes comarcas galegas e dos sectores produtivos estratéxicos é un dos pasos para crear 9.500 novas prazas de FP cun investimento de 31 M€

Ourense, 15 de maio de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades Román Rodríguez, participou esta mañá no encontro territorial do Plan Conecta FP Galicia para Ourense, onde na actualidade cursan estas ensinanzas un total de 4.980 alumnos. Son un total de 17 os centros que imparten un total de 126 ciclos formativos nos concellos de Ourense, Celanova, Coles, Maceda, O Carballiño, Ribadavia e Vilamarín.

Na apertura do encontro tamén interviron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Maria Sol Novoa. Na súa intervención, o titular de Educación do Goberno galego aludiu ao crecente interese da mocidade da zona de Ourense por estas ensinanzas, que se reflicte “nun 50 % máis de matriculados na última década”.

 

O encontro celebrouse no Centro Galego de Innovación da FP, un espazo de apoio á docencia concibido como polo de investigación e de innovación aplicada con proxección no conxunto de Galicia.

Ademais do alumnado e do profesorado dos centros e institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP, tamén interviron representantes de institucións e empresas da zona como a Fundación San Rosendo, o Grupo Cuevas, Innovación Viewnext ou UNVI, entre outros. O encontro congregou arredor dun cento de asistentes.

Competitividade e empregabilidade

O celebrado esta mañá no Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP Galicia, dotado con case 31 M€, ademais doutros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

 

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación a cargo da directora xeral de FP, Eugenia Pérez. Ao longo do día desenvólvense dúas mesas de traballo sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral e arredor das posibilidades de colaboración entre a FP e as empresas da contorna produtiva.

En total prevese que participen nestas reunións máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023