O programa de financiamento comunitario ‘TecEuropa’ abre a inscrición para a súa nova edición

O curso, en formato virtual, contará con contidos teóricos e prácticos sobre as opcións de fondos europeos dispoñibles para as entidades públicas e privadas

Bruxelas, 15 de maio de 2023

A Fundación Galicia Europa vén de abrir a inscrición para a 18ª edición do programa de especialización en financiamento europeo para entidades galegas TecEuropa. O curso celebrarase, en formato virtual, do 14 ao 23 de xuño.

 

TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades galegas, tanto públicas como privadas, que buscan especializarse na materia. Ao longo de catro sesións, os asistentes abordarán, da man de especialistas e representantes comunitarios, todos os aspectos relativos á política rexional e á posta en marcha das transicións verde e dixital. Poderán, ademais, identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo.

 

A primeira xornada do mércores, 14 de maio, contará con conferencias sobre a actualidade e os desafíos da Unión Europea coa participación de funcionarios da Comisión Europea. Os días seguintes -o venres 16, o mércores 21 e o venres 23- terán un formato máis práctico, centrado nos diferentes programas de financiamento comunitario. Tamén se levarán a cabo obradoiros sobre convocatorias con exemplos de propostas.

 

Na páxina da Fundación Galicia Europa está dispoñible toda a información do programa e a ligazón para o rexistro.

Data de actualización: 15/05/2023