ADOS e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades agasallarán cun libro a todas as persoas que doen sangue o martes 16

Con esta iniciativa conxunta, a Axencia e o departamento de Cultura do Executivo galego, queren conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas, ao tempo que fomentan o solidario xesto da doazón de sangue

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades desenvolverán mañá martes, 16 de maio, unha iniciativa conxunta co gallo da conmemoración, esta semana, do Día das Letras Galegas.

 

Para isto, o departamento de Cultura do Executivo galego cedeu 500 libros que serán distribuídos durante a xornada de mañá entre todas as persoas que acudan a doar sangue, tanto nas unidades móbiles de ADOS como nos locais de atención permanente aos doantes das sete grandes cidades galegas.

 

Dobre obxectivo

ADOS agradece á Dirección Xeral de Cultura a realización desta iniciativa que non só fomenta a lectura en lingua galega, senón que contribúe a favorecer a creación dunha conciencia solidaria favorable á doazón de sangue na sociedade galega.

 

Todas as persoas que desexen doar sangue teñen a información sobre horarios e localizacións na web de ADOS, ados.sergas.gal; nas súas redes sociais ou ben chamando ao teléfono de información gratuíto 900 100 828, onde tamén poden resolver calquera dubida relacionada coa doazón.

 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue convida a todos os cidadáns a doar sangue durante a xornada previa ao Día das Letras Galegas, unha data especialmente salientable e na que, nesta ocasión, ADOS súmase da man da Dirección Xeral de Cultura para agasallar a todos os doantes de sangue a súa inestimable colaboración que permite levar a cabo axeitadamente o intenso labor asistencial dos nosos hospitais.

Data de actualización: 15/05/2023