A Xunta sinala en Betanzos a importancia da coordinación entre institucións para mellorar a resposta ás vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na sesión de seguimento da mesa local contra a violencia de xénero celebrada no concello coruñés

Puxo en valor o traballo que se desenvolve nestas mesas nas que participan representantes do eido xudicial, sanitario, educativo e dos corpos e forzas de seguridade

Destacou o papel clave na prevención de posibles casos que desenvolve a rede de Centros de Información á Muller (CIM) que conta en Galicia con 84 oficinas

Betanzos (A Coruña), 15 de maio de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na reunión de seguimento da Mesa local contra a violencia de xénero do Concello de Betanzos, onde aproveitou para destacar o papel fundamental destes órganos, nos que se sentan as principais institucións locais, para mellorar a resposta que se brinda ás vítimas. En palabras de López Abella, o labor de coordinación que se desenvolve nestas mesas é clave na loita contra a violencia de xénero e, sobre todo, á hora de detectar posibles casos.

“En Galicia entendemos que a mellora da resposta institucional contra a violencia machista pasa necesariamente pola mellora da coordinación interinstitucional”, lembrou López Abella, quen puxo en valor a Rede galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, que engloba estas mesas, integrada por 218 concellos adheridos, que traballan na prevención de violencias machistas e a detección de situacións de risco. Gran parte da actividade das mesas céntrase nas actuacións de atención directa ás mulleres vítimas da violencia de xénero, de seguimento de casos e avaliación de campañas.

As forzas e corpos de seguridade, os centros de información á muller, os centros educativos e os servizos de atención primaria son as figuras máis representadas nas Mesas e cada vez máis representantes do ámbito xudicial participan nelas. Tamén os servizos sanitarios e os servizos sociais e colectivos civís están presentes.

Con respecto aos Centros de Información á Muller, López Abella destacou a súa importancia, xa que permiten traballar desde o eido local na prevención da violencia de xénero e impulsar a igualdade. Na actualidade, a Rede de CIMs está formada en Galicia por 84 oficinas xestionadas polos concellos e distribuídas por toda a xeografía galega.

Data de actualización: 15/05/2023