O comezo das obras de reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago fará necesario o corte dun carril a partir deste vindeiro xoves 18

Esta actuación, que suporá un investimento de máis de 1,6 M€, remodelará esta rúa da contorna do actual edificio administrativo da Xunta, dispoñendo unha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e estacionamentos de bicicleta
 

Nesta primeira fase inicial das obras manterase o dobre sentido de circulación cun só carril habilitado para realizar as catas para detectar os servizos existentes baixo o pavimento
 

Adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo, dando continuidade á urbanización realizada no tramo anterior de Rodríguez de Viguri e será tamén punto de partida da senda que unirá San Caetano coa intermodal e co Milladoiro
 

A parada terá capacidade suficiente para dar cabida a 5 autobuses de liña regular ao mesmo tempo, dando servizo tamén aos autobuses urbanos que conectan co aeroporto e coa estación intermodal
 

 Esta actuación está vinculada á obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano, actualmente en fase de adxudicación
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

O comezo da execución das obras de reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri, en Santiago de Compostela, e a súa integración como nó de intercambio modal do transporte público na futura cidade de San Caetano, fará necesario o corte dun carril a partir deste vindeiro xoves, día 18 de maio.

Esta intervención, que suporá un investimento de máis de 1,6 M€, permitirá a remodelación desta rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta e dispoñer dunha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e estacionamento de bicicletas.

Para acometer estas actuacións, nesta primeira fase inicial das obras manterase o dobre sentido de circulación cun só carril habilitado, para poder realizar todas as catas necesarias para detectar os servizos existentes baixo o pavimento. Dado que o 18 de maio é festivo local en Santiago, iniciaranse as obras ese día, cando se prevé menos tráfico na contorna, o que facilitará a realización destes traballos.

As afeccións ao tráfico estarán debidamente sinalizadas mediante sinalización vertical e nos correspondentes paneis de sinalización.
 
A Xunta ten previsto desenvolver esta obra de xeito coordinado coa execución da 1ª fase da Cidade de San Caetano, que se atopa en fase de adxudicación. Así, as obras que comezan vincúlase á próxima execución dos 2 primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano nos terreos da vella estación de autobuses, que permitirá a adaptación desta rúa á súa nova funcionalidade como parada de transporte público.

En concreto, a obra que iniciará este vindeiro xoves adecuará a rúa ao novo edificio administrativo e darase continuidade á urbanización levada a cabo no treito anterior de Rodríguez de Viguri.

Esta nova actuación tamén permitirá dotar dos refuxios definitivos necesarios para o transporte que dá servizo aos traballadores públicos. Ademais, será o punto de partida da senda peonil e ciclista que unirá San Caetano coa estación intermodal e co Milladoiro.
 
As obras permitirán a reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.
 
Na intervención inclúese a reorganización, ademais, dos fluxos peonís e ciclistas para dar acceso ao complexo administrativo co obxecto de minimizar as interferencias e mellorar a conexión peonil dos viaxeiros no intercambio modal.
 
Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19.

O detalle dos traballos que se inician

En concreto, as obras que se inician este vindeiro xoves para a reurbanización do treito da avenida Rodríguez de Viguri permitirán unha configuración na que o espazo para peóns e ciclistas gaña protagonismo con respecto á situación actual.

Esta intervención configurará este treito como un bulevar para dar continuidade ao treito xa remodelado da rúa, con arborado en ambas as marxes da calzada, e neste caso tamén na mediana intermedia, que será axardinada. A calzada, tanto no sentido ascendente como descendente, contará con dous carrís de circulación, como xa sucede no treito anterior da avenida. Nas beirarrúas o pavimento será de aglomerado pulido e de formigón nos carrís-bici.

A parada de transporte público prevista situarase na marxe dereita, en sentido ascendente. Terá 156 metros de lonxitude cuberta, na que se poderá agardar a chegada dos autobuses protexido das circunstancias meteorolóxicas. Estará formada por 26 módulos baixos de marquesiña e 3 módulos máis altos intercalados para protexer o acceso ao autobús. Ademais, e de modo independente, instalaranse en ambas as marxes do treito da avenida dúas marquesiñas para parada de bus urbano.
 
A intervención incluirá a remodelación do todo o entronque da rúa Anxo Casal e do aparcadoiro soterrado ao que se accede desde alí. A saída do aparcadoiro será directa á avenida de Rodríguez de Viguri e no espazo gañado disporase un aparcadoiro cuberto para bicicletas, de 21 metros de lonxitude, e coa mesma solución formal que as marquesiñas das paradas de autobús. Ademais, dese espazo partirá un paso de peóns que cruzará a avenida, para un acceso máis directo á grande parada de bus do sentido ascendente.

Data de actualización: 15/05/2023