Máis de 1.000 universitarios benefícianse das bolsas complementarias da Xunta ao programa Erasmus

O 63% deles son mulleres e a maior parte, estudantes de Ciencias Sociais e Xurídicas


A contía das bolsas oscila, en función da duración da mobilidade e do país de destino, entre os 512€ e os 2.255€ e cun investimento de 1,5M€


Das axudas concedidas a maior parte son para estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (453 bolsas), seguida da de Vigo (332) e da da Coruña (236)

 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica resolución das axudas complementarias que a Xunta convocou para o alumnado das universidades públicas galegas que participa no programa Erasmus Estudos no presente curso 2022/2023. Son un total de 1.021 os alumnos, 645 mulleres e 376 homes, que se benefician desta liña de bolsas, que conta cun orzamento de 1,5M€.

Das axudas concedidas a maior parte son para estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (453 bolsas), seguida da de Vigo (332) e da da Coruña (236). Por área de coñecemento, 529 dos beneficiarios son alumnos de Ciencias Sociais e Xurídicas, 138 de Artes e Humanidades, 129 de Ciencias da Saúde, 128 de Enxeñería e Arquitectura e 97 de Ciencias.

A contía das bolsas oscila, en función da duración da mobilidade (entre tres e nove meses) e do país de destino, entre os 512€ e os 2.255€, sendo a axuda media de 1.446€. Cómpre sinalar que, ademais do importe por duración e destino, 612 alumnos perciben unha asignación adicional de 500€ por contar cunha media de expediente académico igual ou superior a sete puntos.

Para solicitar a bolsa, o estudante debía estar matriculado no curso 2022/23 en calquera grao das universidades públicas galegas e ser beneficiario da axuda de Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.

 

O obxectivo é apoiar a mobilidade dos universitarios galegos para que poidan completar os seus estudos fóra do territorio español e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

 
Data de actualización: 15/05/2023