A Xunta habilita esta tarde o treito acondicionado da estrada AC-301 en Rois, que mellora a mobilidade e a seguridade na contorna

Ponse en servizo o treito no que se levou a cabo a rectificación dunha curva, no marco da actuación de execución dun novo itinerario de 820 metros na marxe da vía

A senda comeza na zona do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da AC-301

A obra no seu conxunto está moi avanzada e prevese rematar a mediados de xuño

A intervención supón un investimento autonómico de 725.000 € e ten como obxectivo favorecer os desprazamentos a pé dun xeito máis sostible, seguro e saudable

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023 A Xunta habilitará a última hora desta tarde o treito acondicionado na estrada AC-301 en Rois, que mellora a mobilidade e a seguridade na contorna.

Porase en servizo o treito no que se levou a cabo a rectificación dunha curva, no marco da actuación de execución dun novo itinerario peonil na marxe da vía, que fixo necesario esa mellora no trazado.

A obra, no seu conxunto, está moi avanzada, pendente do retranqueo dun servizo afectado e doutros remates, polo que se prevé que estea finalizada a mediados do mes de xuño.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou o pasado verán as obras para habilitar esta nova senda na estrada autonómica AC-301 no concello de Rois cun investimento autonómico de 725.000 euros.

Os traballos consistiron na construción dun itinerario de 820 metros de lonxitude, cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón en cor.
 
A senda comeza na contorna das naves do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.

No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2+250 da AC-301, a senda discorre polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.

O itinerario vai pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.

Data de actualización: 15/05/2023