Máis de 4.000 establecementos sumáronse xa ao Bono Activa Comercio da Xunta, que os clientes poderán utilizar a partir do luns

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Boqueixón (A Coruña) unha librería participante nesta iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas

A provincia da Coruña conta xa con 1479 negocios adheridos, mentres que en Lugo hai 608, en Ourense 679 e en Pontevedra 1402

Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria
 

Boqueixón (A Coruña), 13 de maio de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Lestedo (Boqueixón, A Coruña) a Librería Lino, un dos máis de 4000 establecementos galegos (en concreto, 4168) que se adheriron desde o pasado martes ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia.

Mediante esta iniciativa, a partir do próximo luns, 15 de maio, as persoas consumidoras poderán descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose ata o 1 de setembro. Ata a data, participan no Bono Activa Comercio 1479 negocios da provincia da Coruña, mentres que en Lugo son 608, en Ourense 679 e en Pontevedra 1402 establecementos.

A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade, que tal e como subliñou Conde é clave para a economía das vilas e cidades, e permite tamén fixar poboación no rural.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2023