A Xunta reúnese coa Asociación Galega de Avicultura de Posta para coñecer a actualidade do sector en Galicia

O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, reuníronse esta semana con representantes da entidade

Na xuntanza tratáronse cuestións como a aposta polas galiñas campeiras e as posibilidades de impulso do sector que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuníronse esta semana con representantes da Asociación Galega de Avicultura de Posta (Agap) para coñecer de primeira man a actualidade do sector en Galicia e presentarlle posibilidades de impulso como as ferramentas da Lei de recuperación.

Nesta reunión, tanto o conselleiro como o director xeral puideron coñecer esta nova asociación, as empresas que a conforman e os datos da situación do sector avícola na nosa comunidade. Deste xeito, puxéronse sobre a mesa cuestións relacionadas coas necesidades e retos con vistas ao futuro, con asuntos como a aposta polas galiñas poñedoras campeiras ou de chan, entre outros, de cara á adaptación ás novas demandas dos consumidores.

Ademais, o conselleiro recalcou a posibilidade de aproveitar a Lei de recuperación da terra agraria, que a través de figuras como as aldeas modelos, os polígonos agroforestais ou as permutas, permite ampliar a base territorial das explotacións, unha característica fundamental para as galiñas campeiras e para que a produción galega poida liderar a reconversión necesaria de cara a ter un produto cada vez máis natural e en sintonía coa Lei de benestar animal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2023