O conselleiro do Medio Rural clausurou a xornada Camiño cara á rexeneración. Os retos da empresa na era dixital e no desenvolvemento sostible, da Escola de Finanzas de Oleiros

A Xunta pon en valor en Oleiros as arredor de 10.000 hectáreas que se levan mobilizado grazas á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

José González fixo fincapé no propósito de poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas, co fin de aumentar a base territorial necesaria para as explotacións que o precisen

Nesa liña, sinalou os 21 polígonos agroforestais en distintas fases, as 21 aldeas modelo declaradas e as permutas de especial interese agrario iniciadas

Salientou así o papel que está levando a cabo o Executivo galego para devolver o protagonismo do rural na ordenación do territorio

Oleiros (A Coruña), 12 de maio de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, clausurou hoxe a xornada da Escola de Finanzas de Oleiros Camiño cara á rexeneración. Os retos da empresa na era dixital e no desenvolvemento sostible. Na súa intervención, o titular do Medio Rural puxo en valor o labor feito pola Xunta en prol da posta en valor de terras en abandono, como por exemplo as arredor de 10.000 hectáreas que se levan mobilizado na nosa Comunidade grazas á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

José González explicou que esta norma naceu co propósito de poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan, ao tempo que permite avanzar na anticipación aos incendios forestais. Así, actualmente a nosa Comunidade conta con 21 polígonos agroforestais de iniciativas pública en distintas fases, que están a mobilizar 8.900 hectáreas nas que se implanta actividade produtiva e das que se sacará un rendemento. En concreto, 13 deles xa están iniciados e oito encóntranse en fase de actuacións previas, indicou.

A isto súmanse outras 21 aldeas modelo declaradas -afirmou o conselleiro-, que suman unha superficie de preto de 600 hectáreas, e oito delas están en pleno funcionamento con actividade gandeira en extensivo. Deste xeito, a través deste instrumento non só se asegura a mobilización de terra, senón tamén se promove actividade económica rendible, o relevo xeracional e a fixación de poboación no medio rural de Galicia, combatendo o abandono en todas a súas formas e por todas as vías posibles, asegurou.

Así, José González afirmou que o convencemento da Xunta non é outro que o de devolver ás aldeas galegas o papel protagonista que sempre tiveron na ordenación do territorio no rural, pero con criterios de rendibilidade, planificación preventiva e conectividade.

Precisamente se introduciron estes criterios no desenvolvemento dos “plans de dinamización” das aldeas modelos, que representan a vía a través da cal facilitar a tramitación das actuacións para a rehabilitación e rexeneración no núcleo urbano das aldeas modelo. Neste momento están iniciados os primeiros catro proxectos piloto destes plans de dinamización que, ademais de ser un produto de colaboración coa Fundación do arquitecto David Chipperfield – a Fundación RIA-, servirán de referencia sólida para confeccionar un modelo xeral que xa estea contrastado previamente na práctica.

Así mesmo, cabe destacar o proxecto de Compra Pública de Innovación de Aldeas Intelixentes, mediante o cal a Consellería quere apoiar a empresas u outras entidades que están desenvolvendo solucións innovadoras para que poidan poñelas en práctica, e adaptalas ás necesidades específicas do medio rural nestas aldeas modelo.

Por outra banda -segundo sinalou-, un dos instrumentos dos que xa estamos comprobando o seu potencial son as permutas de especial interese agrario, unha ferramenta clave para a reestruturación da propiedade, baseada nun intercambio consensuado, bilateral e recíproco¸ así como as posibilidades das agrupacións de xestión conxunta. En paralelo aos instrumentos de recuperación, tamén contamos con procedementos para garantir a mobilización da terra como son o Banco de Terras e o Banco de Explotacións, neste último caso, para garantir a remuda xeracional no agro.

Con todo, a mobilización de terras xa comezou previamente coas reestruturacións parcelarias, con máis de 450.000 hectáreas concentradas, co fin, segundo apuntou o conselleiro, de paliar o minifundismo existente en Galicia e resolvelo dunha maneira eficiente e rendible para os seus propietarios . A día de hoxe a nosa Comunidade conta con arredor de 900 zonas de reestruturación, 89 das cales son procesos abertos nos que se está a traballar en distintas fases.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023