Lorenzana louva a implicación do persoal das oficinas de emprego de Viveiro e Ribadeo na modernización do servizo que integrará intelixencia artificial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade mantivo hoxe un encontro co persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia en Viveiro e Ribadeo

As oficinas da Mariña aproveitarán a intelixencia artificial a través do novo sistema ‘EMI’ para axustar os perfís ás demandas do mercado laboral

Destacou a incorporación de 2 novos orientadores en Viveiro e Ribadeo para desenvolver o programa de seguimento intensivo da demanda e acompañar, de xeito personalizado, ás persoas usuarias con maiores dificultades para empregarse

Viveiro (Lugo), 12 de maio de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as oficinas de emprego de Viveiro e Ribadeo na Mariña luguesa, nas que mantivo un encontro co persoal para explicar o proceso de modernización que a Xunta está a acometer neste servizo. O Goberno galego quere mellorar o encaixe entre as persoas demandantes de emprego e as necesidades do mercado laboral e realizará un seguimento intensivo das persoas usuarias das oficinas con maiores dificultades para atopar traballo, informou a representante autonómica.

Ambas as dúas oficinas contan desde marzo con cadansúas persoas que asumen as tarefas de orientación e prospección laboral. Trátase de dous dos 136 postos creados pola Consellería de Promoción do Emprego este ano para brindar unha atención máis personalizada ás persoas con maiores dificultades para empregarse.

Entre outras funcións, os novos orientadores asumirán na Mariña o desenvolvemento do novo programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo.

O programa porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.  

A estas persoas, informou a conselleira, outorgaráselles información e se lles explicará de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo Público de Emprego de Galicia, coa finalidade última da mellorar as súas oportunidades.  

Lorenzana avogou por facer partícipe ao persoal das oficinas no proceso de renovación integral no servizo público que está a acometer a Xunta.  Na xuntanza de hoxe agradeceu o esforzo das súas traballadoras e traballadores ante os cambios que están a enfrontar.

Intelixencia artificial

Tal e como destacou, unha das principais novidades no servizo, será a implementación, xa neste mes de maio e con carácter piloto en tres oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes), da nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente). Baseada na intelixencia artificial permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público.

Tratarase, tal e como destacou a titular de Promoción do Emprego, de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada en prol da xeración de máis e mellor emprego en Galicia.

A oficina de emprego de Viveiro, situada na rúa Río dos Foles, atendeu no ano 2022 máis de 3.200 citas. A de Ribadeo, sita na rúa Rafael Fernández Cardoso, prestou servizo o ano pasado a máis de 4.700 usuarios.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023