Diego Calvo destaca o Gran Fondo Ézaro como o mellor escaparate para promocionar a Costa da Morte a través do ciclismo

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na presentación da proba que congregará o próximo 9 de xullo centos de ciclistas profesionais e afeccionados

O pelotón pasará polos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Cee para rematar como cada ano no alto do miradoiro do Ézaro de Dumbría

O exciclista Alejandro Valverde será o participante estrela desta edición

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á presentación dunha nova edición do Gran Fondo Ézaro, que o próximo 9 de xullo congregará na Costa da Morte centos de ciclistas e cicloturistas e servirá de escaparate idóneo para a promoción turística desta zona. Participou xunto ao exciclista Ezequiel Mosquera e responsable de EME Sports, entidade organizadora desta proba desde 2015 e doutras como O Gran Camiño.

Ao acto tamén asistiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, ademais de representantes dos concellos que atravesará o pelotón.  

Nesta edición, o Gran Fondo Ézaro arrincará en Dumbría e, como é tradicional, rematará no alto do miradoiro do Ézaro, todo un símbolo dos afeccionados ao ciclismo e recoñecido pola súa esixencia cun 30% de pendente. Pasará tamén polos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Cee. Entre as novidades deste ano inclúese unha distancia única para todos os participantes de 107 quilómetros con ascensos e descensos fronte ás dúas rutas de 150 e 80 quilómetros de edicións anteriores.  

O vicepresidente segundo destacou a aposta da Xunta por consolidar Galicia como potencia na organización de grandes eventos deportivos que, ao mesmo tempo, son un reclamo para o turismo. Ademais de polo retorno económico na comarca grazas ao aumento da ocupación hoteleira como neste caso, tamén mediante a promoción dos concellos que son escenario da proba coas “súas espectaculares paisaxes”, apuntou.

Para Diego Calvo estes eventos engrandecen a historia do ciclismo galego, ao igual que outros fitos como o regreso da Volta Ciclista a Galicia o ano pasado, recuperando a comunidade a súa proba profesional que non se celebraba desde o ano 2000.
 
Ademais, incidiu no impacto que o deporte en xeral e, en especial o ciclismo, teñen na atracción de visitantes e puxo como exemplo xunto co Gran Fondo Ézaro, as etapas de La Vuelta nas edicións que pasa por Galicia ou as dúas edicións de O Gran Camiño. Precisamente a subida ao miradoiro do Ézaro foi protagonista de La Vuelta ata en catro ocasións: 2012, 2013, 2016 e 2020. Tamén unha das etapas de O Gran Camiño o ano pasado tivo como escenario O Ézaro e a contorna da Costa da Morte.
 
O dorsal número 1 de Gran Fondo Ézaro de 2023 será o exciclista Alejandro Valverde que, como recordou Diego Calvo, sabe da dificultade e da esixencia que implica a subida ao Ézaro tanto pola súa participación en La Vuelta como o ano pasado como vencedor de O Gran Camiño, o seu último título antes da súa retirada. Valverde formará parte das grandes figuras que participaron desde 2015 no Gran Fondo Ézaro como Miguel Indurain, Claudio Chiapucci, Alex Zülle, Tony Rominger, Pavel Tonkov, Marino Lejarreta, Joseba Beloki, Samuel Sánchez ou Roberto Heras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023