A Xunta remata as obras de ampliación da rede de abastecemento e saneamento en Albarellos e en Vilaza, no concello de Monterrei

Augas de Galicia vén de entregarlle estas infraestruturas hidráulicas ao Concello, cuxas obras supuxeron un investimento autonómico de preto de 48.000 €

Con esta intervención en Albarellos dispoñen de conexión ás redes municipais de saneamento e abastecemento as edificacións situadas á marxe da estrada nacional N-525

No caso do núcleo de Vilaza, son as edificacións situadas na rúa Lagoa as que xa contan con conexión á rede municipal

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de ampliación da rede de abastecemento e saneamento nos núcleos de Albarellos e Vilaza, no concello de Monterrei. 

A intervención centrouse na ampliación das redes de abastecemento e recollida de augas residuais en ambos os dous núcleos do municipio ourensá, a través da execución de novos ramais de saneamento e abastecemento. 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, entregoulle esta semana as infraestruturas hidráulicas ao Concello, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 48.000 euros. 

A intervención centrouse na ampliación das redes de abastecemento e recollida de augas residuais en ambos os dous núcleos do municipio ourensá, a través da execución de novos ramais de saneamento e abastecemento. 

Estes dous núcleos, de 434 e 432 habitantes, contaban antes desta intervención cunha rede de tubaxes de recollida de augas residuais conectada mediante o colector xeral oeste á estación depuradora de Verín. A pesar disto, un núcleo de vivendas estaban sen conexión po mor da topografía do terreo, esencialmente chairo. No caso de Albarellos mesmo foi preciso o cruzamento da estrada nacional N-525 para poder dar saída ás augas cara ao colector xeral. 

En concreto, as obras executadas fixeron necesaria a demolición do pavimento asfáltico e a apertura de gabia con retroescavadora, e a execución de perforación horizontal baixo a N-525, en Albarellos. Feitos este traballos, procedeuse á instalación de tubaxes de 250 mm de diámetro para saneamento e de 50 mm e 10 atmosferas para abastecemento.

Os traballos completáronse coa execución de pozos de rexistro e arquetas con válvulas, e posterior recheo de gabias e a reposición do pavimento con formigón. 

Deste xeito, as obras rematadas en Albarellos permítenlle dispor de conexión ás redes municipais de saneamento e abastecemento ás edificacións situadas á marxe da estrada nacional N-525.

No caso do núcleo de Vilaza, as edificacións situadas na rúa Lagoa dispoñen xa de conexión á rede municipal.

Data de actualización: 14/05/2023