A Xunta adxudica as obras dunha nova senda peonil na estrada OU-301 en Bande

O contrato desta actuación adxudicouse por un importe de preto de 48.300 € e comezará a executarse nas vindeiras semanas

Trátase da construción de dous tramos de senda na marxe esquerda da estrada OU-301, que darán continuidade ás beirarrúas existentes e facilitarán a conexión coa capitalidade de Bande

Acondicionarase e mellorarase a accesibilidade no tramo de beirarrúa, dotándoa de baldosa podotáctil e ampliándoa onde sexa necesario
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2023 A Xunta vén de adxudicar as obras de execución dunha nova senda peonil na estrada OU-301 en Bande.

Esta intervención, adxudicada á empresa Benito Bastos S.A. por un importe de máis de 48.300 €, comezará nas vindeiras semanas.

 

Trátase da construción de dous tramos de senda peonil na marxe esquerda da OU-301 entre os puntos quilométricos 27+550 e 27+850, que darán continuidade ás beirarrúas existentes e facilitarán a conexión coa capitalidade de Bande.

 

O primeiro treito iníciase no punto quilométrico 27+560 e remata no 27+645. A partir dese punto e ata o 27+800 existe actualmente beirarrúa. E desde o 27+800 ata o 27+845 executarase o segundo treito de nova beirarrúa.

 

No punto quilométrico 27+575 hai un sifón que cruza a estrada e deberá ser demolido e reconstruído deixando o espazo necesario para non interromper o itinerario da nova senda.

 

No segundo tramo entre os puntos 27+560 e 27+645, será necesario executar un muro de contención de bloques de pedra granítica, duns 3 m de altura, que permita dar continuidade á beirarrúa.

 

Como obras complementarias, acondicionarase e mellorarase a accesibilidade no tramo de beirarrúa existente intermedio, dotando de baldosa podotáctil e rebaixando os encontros e ampliando a beirarrúa onde é necesario e posible.

 

O obxectivo desta actuación é contribuír a favorecer a mobilidade dos veciños en condicións máis seguras e sostibles.

Data de actualización: 13/05/2023