A Xunta adxudica as obras de pavimentación do aparcadoiro da estrada PO-192 en Bamio, no concello de Vilagarcía de Arousa

Acondicionarase o estacionamento existente na marxe dereita da estrada, co fresado da beiravía e o nivelado da superficie, como pasos previos á súa pavimentación

As obras suporán un investimento de case 28.000 € e comezarán nas vindeiras semanas

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de pavimentación do aparcadoiro da estrada autonómica PO-192, en Bamio, no concello de Vilagarcía de Arousa. 

Trátase de acondicionar o estacionamento existente na marxe dereita da vía autonómica, situado entre os puntos quilométricos 0+440 e o 0+670. 

As obras foron adxudicadas á empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L., por preto de 28.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas. 

Os traballos comezarán polo fresado da beiravía existente para, a continuación, executar unha preparación e nivelado de toda a superficie do aparcadoiro, escavando ou achegando material de recheo, para deixar adecuadamente preparada a zona que se vai pavimentar. 

Unha vez realizadas estas tarefas, aplicarase unha rega de imprimación e sobre esta unha mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor. 

Os traballos incluirán, ademais, a posta a cota de arquetas, rexistros e pozos existentes. 

As obras remataranse coa reposición das marcas viarias de bordo da calzada.

Estas intervencións desenvólvense dentro da banda de dominio público da estrada de titularidade da Xunta, polo que non precisa de expropiacións.

Data de actualización: 14/05/2023