A Xunta iniciará esta semana actuacións de limpeza e acondicionamento nas marxes de 4 estradas autonómicas

Na provincia da Coruña, as tarefas comezarán na estrada AC-552, ao paso polos concellos de Carballo e de Coristanco

Na provincia de Ourense, iniciaranse traballos na OU-310 en Riós e en Vilardevós e continuarán as intervencións na OU-540 en Barbadás e na OU-536 no Pereiro de Aguiar

Tamén darán comezo estas novas actuacións de mantemento na estrada PO-308 en Poio

Na provincia de Lugo, proseguirán as rozas na LU-162 nos concellos do Valadouro e de Foz

Estas tarefas están enmarcadas no contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas e a mellora da seguridade viaria

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023 A Xunta iniciará esta semana novas actuacións de limpeza e acondicionamento nas marxes de 4 estradas autonómicas.

Na provincia da Coruña, as tarefas comezarán na estrada AC-552, ao paso polos concellos de Carballo e de Coristanco. 

Na provincia de Ourense, iniciaranse traballos na estrada OU-310 nos concellos de Riós e de Vilardevós. Tamén continuarán as intervencións xa en marcha na OU-540 ao paso polo municipio de Barbadás; e na OU-536, no concello do Pereiro de Aguiar. 

En relación á provincia de Pontevedra, as tarefas levaranse a cabo na estrada PO-308 en Poio. Ademais, seguirán desenvolvéndose estes traballos na PO-223, no concello de Pontevedra. 

Na provincia de Lugo, proseguirán os traballos de roza e limpeza na estrada LU-162, nos concellos do Valadouro e de Foz; e na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1).

Estas intervencións están enmarcadas no contrato coa empresa pública Seaga, para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas e a mellora da seguridade viaria.

As actuacións están a permitir a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais na rede viaria autonómica e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2023