A Xunta remata as obras de mellora do servizo de saneamento municipal en varios núcleos do concello de Muíños tras un investimento de 255.000 euros

Modernizáronse os sistema de tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e realizáronse reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle esta semana estas actuacións hidráulicas ao Concello

Dispúxose unha nova rede en Muíños que comeza nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e vai ata a estrada de Mugueimes, onde conecta con outro pozo
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023 A Xunta vén de rematar as obras de mellora do servizo de saneamento municipal en varios núcleos do concello de Muíños, tras un investimento de 255.000 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle esta semana as actuacións hidráulicas ao Concello, unha vez rematadas as obras de mellora do tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio, e realizadas as tarefas de reparación nas depuradoras do Parque e de Pazos.

 

As actuación que se executaron incluíron a disposición dunha nova rede en Muíños, que comeza nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e continúa por terreos rústicos cara ao norte, ata a estrada que vai a Mugueimes, onde se conecta cun pozo da rede que baixa pola citada vía.

 

A nova rede cruza o río ancorada á ponte e descarga nunha nova estación de bombeo desde a que se elevarán as augas á rede da depuradora do Parque.

 

En canto á nova rede no lugar do Barrio, ten unha lonxitude de 298 metros e conta con 14 pozos de rexistro. Tamén dispón dun ramal lateral de 56 metros en tubo das mesmas características, de 160 mm de diámetro.

 

Ademais, as obras incluíron a localización e a posta en rasante de tapas de rexistro de pozos na estrada de Mugueimes e a limpeza de areeiros de fosas existentes en distintos núcleos.

 

As actuacións contaron coa financiación da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello, polo que a entidade hidráulica da Xunta asumiu o 80% do investimento, cunha achega de 180.000 euros. Tamén levou a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

 

Pola súa banda, o Concello de Muíños contribuíu ao financiamento do 20% restante e asumiu as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, comprometéndose, tras a recepción das infraestruturas, ao mantemento e conservación das actuacións levadas a cabo.

 
Data de actualización: 12/05/2023