A Xunta destaca a colaboración cos operadores xurídicos a prol da atención especializada en materia de familia

O director xeral de Xustiza participou na inauguración das ‘VII Xornadas de dereito de familia’, organizadas polo Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e o Consello da Avogacía Galega
 

A Coruña, 12 de maio de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na apertura das VII Xornadas de dereito de familia, onde salientou a colaboración da Administración autonómica cos distintos operadores xurídicos para garantir a asistencia gratuíta e a atención especializada a menores e a mulleres vítimas de violencia de xénero.

 

No encontro organizado polo ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e o Consello da Avogacía Galega, o director xeral incidiu na importancia de apoiar o labor dos profesionais da xustiza a prol da axilidade, a eficiencia e o achegamento do labor xudicial á cidadanía.

 

Nesta liña referiuse tamén á aposta pola dixitalización como vía para unha maior celeridade e seguridade nos procedementos xudiciais. Segundo apuntou, aplicacións como InSide, para a recepción de expedientes mediante un localizador, ou Acceda, para achega telemática de documentación, “xa están a facilitar o exercicio profesional da avogacía ante os órganos xudiciais e seguimos traballando para que todos os operadores xurídicos poidan acceder ao expediente xudicial”, engadiu.

 

Para José Tronchoni urxe ademais axilizar “as tan esperadas leis de eficiencia organizativa e procesual”. “Os problemas do século XXI non se poden acometer con métodos do século XX”, sentenciou.

Data de actualización: 12/05/2023