A Xunta destaca a importancia de contar con empresas comprometidas e con capacidade de adaptación como Astilleros Placeres

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá a empresa que, tras o incendio sufrido en 2019, ampliou as instalacións apostando pola sustentabilidade e as enerxías renovables


A Estratexia naval galega 2022-2026 acompañará ao sector na súa transformación dixital e sustentable, apoiando tamén o talento, a formación e a diversificación

 

Pontevedra, 12 de maio de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou a importancia de contar con empresas comprometidas e con capacidade de adaptación como Astilleros Placeres.

O vicepresidente económico visitou esta mañá esta empresa familiar especializada en reparación e mantemento naval que, tras o incendio sufrido en 2019, recuperouse ampliando as instalacións e avanzando na súa transición enerxética e sustentable a través de apoios da Xunta de Galicia para proxectos de investimento empresarial, ReAcciona e a instalación de placas fotovoltaicas.

Conde referiuse aos retos que afronta a industria naval e a novidade que supoñen os fondos europeos no eido do investimento ofrecendo “oportunidades reais para que o sector se poida fortalecer e avanzar na súa diversificación”. Neste sentido, a Estratexia naval galega 2022-2026 acompañará ao sector na súa transformación dixital e sustentable, apoiando tamén o talento, a formación e a diversificación.

Por outra banda, a Administración galega ofrece desde esta semana dúas liñas dirixidas ás empresas galegas. Por unha banda, a convocatoria para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética e, por outra, a liña de préstamos e avais para autónomos e pemes co obxectivo de ofrecer liquidez e circulante para as súas operacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023