Emigración e Fundación Ronsel colaborarán na formación para acadar a empregabilidade de máis de 300 galegos retornados, tanto por conta allea como no autoemprego

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou hoxe, co re-presentante da Fundación, Luis García Deber, o convenio que permite a posta en marcha do programa de apoio para emprendedores retornados Merlo e para novos obradoiros, cursos e itinerarios individualizados de inserción laboral e coñecemen-to do mercado laboral galego

O acordo supón unha colaboración económica da Xunta de 200.000 euros

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe, co representante da Fundación Ronsel, Luis García Deber, o acordo de colaboración que permitirá ampliar o programa formativo que ten coma obxectivo mellorar a empregabilidade de máis de 300 galegos retornados, tanto por conta allea como a través do autoemprego.

 

Esta iniciativa aposta por facilitar a maior cobertura posible aos galegos que volven á comunidade autónoma no seu proceso de adaptación á sociedade galega.

 

Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel desenvolverán, a través do convenio firmado hoxe, diversas accións conxuntas destinadas á mellora da empregabilidade, tanto por conta allea como por conta propia, das persoas emigrantes retornadas, por un importe de 200.000 euros, dobrando así o investimento do ano pasado dado o éxito que tivo esta iniciativa.

 

Con este obxectivo, apoiarase economicamente a esta Fundación para que, por unha banda realice obradoiros grupais, charlas e cursos dirixidos a proporcionar as ferramentas necesarias para coñecer o mercado de traballo galego, así como se levarán a cabo itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións particulares de cada un dos participantes. Estas accións, que buscan a eficiencia na busca de traballo por conta allea, van dirixidas a un máximo de 250 persoas emigrantes retornados.  E por outro lado, continuarase co Programa de mentores Merlo, que ofrece o maior apoio posible a estes novos empresarios para consolidar os seus negocios na comunidade autónoma galega. Nesta iniciativa concreta,darase formación a case un centenar de galegos emprendedores retornados.

 

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2023