O Goberno galego destinará máis de 41 M€ na implantación da gratuidade para o 100 % do alumnado nas escolas infantís de iniciativa social e privadas
Rueda aclara que a partida para escolas infantís públicas será obxecto doutro acordo do Consello da Xunta e salienta que a gratuidade na atención educativa de 0 a 3 anos beneficia na actualidade a máis de 31.000 familias galegas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da aprobación no Consello da Xunta dun investimento de máis de 41 millóns de euros para que as escolas infantís de iniciativa social e as privadas apliquen a gratuidade na atención educativa de 0 a 3 anos para o 100 % do alumnado a partir do vindeiro mes de setembro.
Anticipos
Ademais, nesta convocatoria contarase con tres anticipos da axuda, que lles permitirán aos centros ter liquidez. O primeiro anticipo realizarase antes de que comece o curso e será do 100 % da axuda correspondente ao período de setembro a decembro deste ano.
Os outros dous anticipos faranse o vindeiro ano. Un 45 % da axuda de 2024 realizarase a comezos do exercicio, para o período de xaneiro a marzo; e un segundo anticipo será doutro 45 % en abril e corresponderá aos meses de abril a xullo. Ao final do curso entregarase o 10 % restante do importe de 2024 xa tendo en conta o número real de nenos matriculados e co fin de regular calquera desaxuste.
A gratuidade nas escolas infantís, da cal se benefician máis de 31.000 familias, deseñouse de xeito que as nais e pais non teñan que realizar ningún tipo de papelame a maiores, xa que todas as xestións se realizan entre a Xunta e o propio centro.