A Xunta adxudica por 950.000 € as obras de mellora do bombeo e o colector de Cabanelas, en Cambados e Ribadumia

As actuacións, cun prazo de execución de 6 meses, inclúen modificación do trazado da impulsión dese bombeo para que verta directamente á depuradora de Ribadumia, evitando o actual paso polo bombeo de Barrantes

Os traballos incluirán a reforma desas dúas estacións de bombeo para reducir as infiltracións de augas limpas aos colectores

O obxectivo é solucionar as deficiencias da estación de bombeo de Cabanelas co fin de rematar cos problemas de alivio e vertidos ao río Umia que acaban na ría de Arousa

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar hoxe por 950.920 euros a execución das obras de mellora do sistema de bombeo e o colector de Cabanelas, nos concellos de Cambados e Ribadumia. 

Os traballos, adxudicados á empresa Proyecon Galicia S.A, contarán cun prazo de execución de 6 meses e o obxectivo da Xunta é comezalos este mesmo ano. 

Mediante este contrato executaranse as obras necesarias para solucionar as actuais deficiencias da estación de bombeo de augas residuais de Cabanelas co fin de rematar cos frecuentes problemas de alivio e vertidos ao río Umia que acaban na ría de Arousa. 

As obras deseñadas pola entidade hidráulica da Xunta centraranse na modificación do trazado da impulsión dese bombeo para que verta directamente á depuradora de Ribadumia, sen pasar polo bombeo de Barrantes, como fai na actualidade. 

Ao mesmo tempo, as obras desenvolverán os traballos correspondentes á reforma desas dúas estacións de bombeo para reducir as infiltracións de augas limpas aos colectores.

Esta intervención forma parte do Plan de saneamento local da ría de Arousa. A actuación conta con cofinanciación dos fondos europeos do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Data de actualización: 11/05/2023