A Xunta debate no Comité Europeo das Rexións sobre o impacto da desinformación na democracia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión xunto a institucións rexionais e locais, expertos, diplomáticos e alto funcionariado da OTAN e dos Estados Unidos
 

Dous informes europeos avisan da proliferación destas malas prácticas en múltiples soportes e propoñen unha maior educación, transparencia e apoio para facerlles fronte
 

Elblag (Polonia), 11 de maio de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe en Elblag (Polonia) nunha reunión da Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións (CdR) dedicada a debater con expertos os efectos da desinformación na democracia en Europa e a súa influencia na conformación da opinión pública e nos procesos electorais.

 

Os membros do CdR debateron sobre a necesidade de fomentar a educación dixital e o apoio aos medios de comunicación para minorar os efectos das campañas de desinformación. A cuestión clave é determinar os límites entre a liberdade de expresión e a propia “desinformación” amplificada a través de diferentes medios e coa utilización de intelixencia artifical.

 

O director xeral sinalou que os medios de comunicación son un elemento fundamental para a saúde das democracias, e que polo tanto sería interesante dispoñer de instrumentos para detectar a desinformación e poder reaccionar expulsando das plataformas as noticias falsas. “Precísase fomentar a cooperación europea no desenvolvemento de ferramentas de detección de falsa información para que os novos medios de comunicación non se convertan nun altofalante da discordia e as mensaxes de odio”, puntualizou.

 

Ademais, co fin de reducir o impacto das campañas de desinformación e desestabilización de Rusia respecto á invasión de Ucraína, tratouse o traballo que fai a Unión Europea en materia de análise e investigación. Neste contexto, presentouse o primeiroInforme sobre ameazas de manipulación e interferencia da información estranxeira realizado polo Servicio Europeo de Acción Exterior (SEAE).

 

Posteriormente, presentouse o Manual de boas prácticas para contrarrestar desinformación a nivel local e rexional, publicado polo CdR no ano 2022 e que propón un marco europeo baseado na educación dixital, o apoio aos profesionais da información e comunicación e unha maior transparencia.

 

A Comisión CIVEX do Comité das Rexións 

O Comité Europeo das Rexións representa os entes locais e rexionais da Unión Europea,  e asesora sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2023