Declaración Institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día de Europa

Cada 9 de maio celebramos o Día de Europa co gallo da Declaración Schuman, un discurso pronunciado en 1950 polo ministro francés de Asuntos Exteriores, que sentou as bases da convivencia pacífica e da prosperidade en Europa. Foi así como se impulsou a creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), xermolo e berce da nosa actual Unión Europea.

Grazas a esta alianza, Europa medrou tanto económica como politicamente nun mundo paulatinamente globalizado. A pesar das crises producidas polos tres anos de pandemia e da invasión da Ucraína por parte de Rusia, os 27 conseguimos seguir unidos na adversidade, amosando, fronte ás ameazas, un forte compromiso cos valores comúns europeos.

As prioridades políticas fixadas pola actual Comisión europea en 2019 seguen hoxe plenamente vixentes: o Pacto Verde Europeo, co que Europa pretende converterse no primeiro continente climaticamente neutro do mundo; a adaptación á era dixital; a creación dun contorno máis atractivo para xerar emprego de calidade, especialmente para a mocidade, e para mellorar a competitividade das PEMEs; o reforzo do papel da UE no mundo, coa defensa do multilateralismo; a promoción do Estado de dereito como base do modo de vida europeo e o pulo á democracia para protexela das interferencias externas.

Galicia está firmemente comprometida con estas prioridades e traballa dentro da Unión para defender os seus intereses específicos. O reto que temos por diante, especialmente o referido á transición ecolóxica, é enorme. A lexislación derivada do Pacto Verde Europeo que está agora a negociarse vai mudar o noso xeito de vivir, producir e consumir. Participamos activamente nestes debates e, daquela, resulta imprescindible perseverar para garantir unha transición xusta que non deixe a ninguén atrás.

Reducir a nosa dependencia dos combustibles fósiles, avanzar cara a unha autonomía estratéxica en materia industrial que nos permita auto-fornecernos de microprocesadores e materias primas, ou asegurar que a dobre transición ecolóxica e dixital se faga sobre unha forte base de dereitos sociais, son algúns dos outros retos que temos por diante e que a UE está a liderar.

Para facer fronte a todos eles, a UE identifica un aspecto clave: o reforzo das habilidades. Este 2023 é o Ano Europeo das Competencias para chamar a atención precisamente sobre isto. Unhas habilidades axeitadas permiten á cidadanía adaptarse aos cambios derivados da evolución tecnolóxica e son imprescindibles para colmar as necesidades das empresas, que manifestan dificultades para atopar persoal cualificado. Galicia está a traballar seriamente neste eido a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.

Neste Día de Europa celebramos un ano máis o feito de estar "unidos na diversidade", como subliña o lema da nosa Unión, pero tamén na adversidade, con proxectos comúns ambiciosos nos que toda a sociedade galega ha participar e implicarse.

Feliz Día de Europa!
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023