O DOG tamén recolle a aprobación do expediente de información pública para executar estas actuacións nas estradas autonómicas, que suporán un investimento de 2,5 M€

A Xunta publica hoxe a aprobación dos proxectos para mellorar 69 paradas de autobús nos concellos de Ares, Fene, Mugardos e Neda

Trátase de actuacións en 8 estradas autonómicas das rutas da zona sur de Ferrol para dotar as paradas de marquesiñas, mellorar a accesibilidade, ofrecer información en braille, incrementar a visibilidade e disposición de iluminación

Nos vindeiros meses realizarase a xestión das expropiacións para licitar as obras a finais deste ano e comezar a execución dos traballos na próxima primavera

Intervirase en 4 paradas en Ares; 16 en Fene; 17 en Mugardos e 32 en Neda

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 69 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Ares, Fene, Mugardos e Neda.

 

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 27 de abril, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública destas intervencións, que suporán un investimento de máis de 2,5 M€ e engloban un total de oito estradas autonómicas (AC-115, AC-121, AC-122, AC-123, AC-125, AC-130, AC-133 e AC-862). No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230511/AnuncioG0181-020523-0001_gl.html

 

O proxecto relativo ao ámbito das rutas da zona sur de Ferrol abrangue intervencións en 4 paradas en Ares; 16 en Fene; 17 en Mugardos e 32 en Neda.

 

As obras consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

 

No eido destas intervencións, priorizouse, ademais, a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

 

En concreto, os traballos que se acometerán nas paradas permitirán a mellora do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

 

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

 

As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

 

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

 

Como resultado da información pública, no proxecto que definitivamente publica hoxe o DOG inclúese a adopción de varios cambios co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial, a accesos e a prazas de aparcadoiro.

 

Baixo estas premisas, modificouse o deseño ou a ubicación inicialmente proposta nun total de 7 paradas para adaptalas mellor á contorna e co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección.

 

A Xunta realizará nos vindeiros meses a xestión das expropiacións para licitar as obras a finais deste ano e comezar a execución dos traballos na primavera de 2024.

 

 

Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas de titularidade da Xunta.

 

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente

Data de actualización: 11/05/2023