A Xunta publica a aprobación do proxecto da nova senda peonil entre Bamio e Carril, en Vilagarcía de Arousa, cun investimento de 335.000 euros

Executarase un itinerario alternativo e segregado do tráfico rodado, que sorteará o cruce do Salgueiral, creando unha nova senda entre estes dous núcleos do municipio

Habilitarase un acceso ao cemiterio, que se sitúa á marxe contraria da beirarrúa, cun paso de peóns regulado cun semáforo e unha pasarela de baixada ao cemiterio


A previsión é convocar os actos expropiatorios neste verán para, a continuación, iniciar os trámites que permitan licitar e executar as obras
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción do novo itinerario de uso peonil entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.

 

Esta actuación da Xunta impulsa a mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas autonómicas PO-548 e PO-192 e suporá un investimento de case 335.000 euros, incluíndo o pagamento dos 5 predios necesarios para impulsar estas obras.

 

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 27 de abril, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública desta nova actuación. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230511/AnuncioG0181-020523-0002_gl.html

 

A intervención busca resolver a configuración da intersección entre estas dúas vías autonómicas para favorecer a seguridade e mobilidade peonil entre estes núcleos do municipio arousán e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade.

 

A previsión da Xunta é convocar os actos expropiatorios neste verán para, a continuación, iniciar os trámites que permitan licitar e executar as obras. A actuación ten un prazo de execución de 5 meses.

 

Habilitarase un itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado. Na actualidade os veciños que se desprazan a pé entre Bamio e Carril fano pola beiravía das estradas PO-548 e PO-192, sendo necesario ademais para acceder ao cemiterio de Carril cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro acondicionado para iso. A escasa beiravía dispoñible na PO-192 e o tráfico elevado que circula pola PO- 548 implica que o percorrido resulte perigoso.

 

A nova senda posibilita a conexión a pé con seguridade entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos.

 

O percorrido aproveita un treito antigo de estrada que se acondiciona como paseo peonil, completándose a senda pola beira da PO-192 e do viario municipal da gasolineira. Deste xeito conséguese comunicar as parroquias de Bamio e Carril, dando acceso peonil ao cemiterio de Carril, considerado un foco de atracción de desprazamentos na zona. Con esta actuación, polo tanto, foméntase unha mobilidade sostible en condicións seguras.

 

En concreto, a actuación iniciarase onde finalizan as beirarrúas do Salgueiral, cruzan a estrada cun paso sobreelevado para non afectar a un petróglifo existente na beiravía. A partir deste punto a senda discorrerá en paralelo á PO-192 e ao viario municipal que dá acceso á gasolineira. O percorrido proseguirá polo viario municipal ata alcanzar o paso inferior que salva a variante de Carril (VG-4.7).

 

Unha vez pasada a estrutura, crúzase a calzada mediante outro paso de peóns sobreelevado para dirixirse a un camiño que se acondiciona con formigón coloreado e ancho de 2 metros, protexéndose o desnivel cunha varanda metálica. A continuación, o percorrido discorrerá sobre a estrada antiga ata alcanzar a beirarrúa existente en Carril.

 

Para acceder ao cemiterio de Carril é necesario cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro para isto. Para iso a intervención prevé un paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador, ademais de complementar as escaleiras actuais cunha rampla executada mediante unha pasarela de madeira.

 

Ademais, para garantir a seguridade dos peóns no tránsito pola senda, a intervención complétase coa inclusión de iluminación pública: executarase un prisma con dous tubos de 63 mm con arquetas cada 100 m e báculos cada 25 m con altura 4 m.

Data de actualización: 11/05/2023