O DOG publica a declaración de interese autonómico do proxecto de aparcadoiro de vehículos pesados no enlace da balsa na VG-20, que dará servizo ao polígono de Balaídos, en Vigo

Recolle o acordo aprobado polo Goberno galego o 20 de abril, na súa contribución ao desenvolvemento das políticas autonómicas sectoriais de seguridade viaria, operatividade loxística e pola súa incidencia económica, social e territorial

Segundo o previsto na Lei de Ordenación do Territorio de Galicia, a aprobación definitiva do proxecto levará implícita a declaración da súa utilidade pública e a adaptación do planeamento urbanístico

Desígnase á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente para a tramitación do procedemento de aprobación deste proxecto

A declaración de interese autonómico atende á tramitación da solicitude do Consorcio da Zona Franca de Vigo, tras obter os informes favorables do Concello de Vigo e das administracións directamente afectadas

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración como proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados no enlace da Balsa, da VG-20 coa PO-10, que dará servizo ao polígono de Balaídos, no municipio de Vigo.

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 20 de abril, polo que se autorizou esta declaración de interese autonómico para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia que implicará, tras a aprobación definitiva do proxecto, a declaración da súa utilidade pública e a adaptación do planeamento urbanístico.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230511/AnuncioG0533-280423-0001_gl.html

A declaración de interese autonómico, de acordo á tramitación da solicitude do Consorcio da Zona Franca de Vigo a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o obxecto da proposta, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes, sen menoscabo da funcionalidade dos existentes e a súa adaptación á contorna en que se localicen.

A Xunta deulle así o seu visto é prace á proposta, na coincidencia da súa contribución ao desenvolvemento das políticas autonómicas sectoriais de seguridade viaria e de operatividade loxística de mercadorías, e que inciden no desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia.

Este acordo adoptouse tras obter os informes favorables do Concello de Vigo e das administracións públicas cuxas funcións puidesen resultar afectadas pola actuación, e emisión do informe preceptivo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Cómpre lembrar que a autorización da declaración de interese autonómico se realiza sen prexuízo de que para a redacción definitiva do proxecto construtivo, así como para a execución das obras pretendidas, deban considerarse as prescricións sinaladas polas distintas administracións informantes e solicitar cantas autorizacións sexan precisas, incluídas as demandadas no trámite de audiencia por algunhas das administracións consultadas.

Na citada reunión do Consello da Xunta, acordouse tamén a designación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente para a tramitación do procedemento de aprobación deste proxecto de aparcadoiro de camións, previsto executar ao sur do enlace da Balsa da VG-20 e próximo ao citado polígono de Balaídos.

Data de actualización: 11/05/2023