A Xunta abre mañá unha nova liña de financiamento para pemes e autónomos por 60 M€

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela ao II Encontro trilateral de Galicia, Asturias e Castela e León organizado por APD
 

Subliña que as administracións deben ofrecer as máximas facilidades para que o tecido empresarial poida marcar o paso na etapa de transformación económica
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

A Xunta abre mañá o prazo de presentación de solicitudes da nova liña de préstamos e avais para pemes e autónomos por 60 millóns de euros, que se desenvolve en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs) e as entidades financeiras e que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Foi un dos asuntos tratados no II Encontro trilateral de Galicia, Asturias e Castela e León, que baixo o título Novos retos, novas oportunidades: falan as empresas organiza a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e ao que asistiu o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.

Na súa intervención en Santiago de Compostela, Conde fixo fincapé en que as administracións deben ofrecer as máximas facilidades e eliminar obstáculos para que o tecido empresarial poida marcar o paso nesta etapa de transformación económica. Neste sentido, avogou pola axilización na tramitación e a colaboración público-privada, a través de ferramentas como a sociedade Impulsa Galicia.

Sinalou tamén o vicepresidente económico do Goberno galego que se está a vivir unha grande oportunidade para a transformación, para o investimento e para o crecemento económico, así como para desenvolver o binomio industria-sustentabilidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2023