A Xunta inviste 48.000 € en actuacións de mellora de infraestruturas turísticas nos concellos de San Sadurniño e Cabanas

O DOG recolle a resolución desta convocatoria destinada a concellos de ata 10.000 habitantes e dotada dun crédito orzamentario de 3 M€

Un total de 105 municipios galegos beneficiáronse desta orde de axudas destinada ao fomento da recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos

Ferrol, 11 de maio de 2023 A Xunta de Galicia investirá 48.000 euros en actuacións de mellora en infraestruturas turísticas nos concellos de San Sadurniño e Cabanas. A Axencia de Turismo de Galicia publicou no DOG a resolución desta convocatoria de axudas destinada a concellos de ata 10.000 habitantes da que se beneficiaron 105 municipios galegos este ano.

O Concello de San Sadurniño recibe unha axuda de 17.796 euros para a restauración do muro dos xardíns municipais do Pazo da Marquesa, mentres que o Concello de Cabanas destinará os 29.927 euros que se lle foron concedidos na sinalización da rede municipal de micropaisaxes.

Tal e como recordou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o obxectivo principal desta convocatoria, cuxo crédito orzamentario ascendeu a 3 M€, é “fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.

Esta orde de axudas subvenciona actuacións de embelecemento nos accesos a recursos turísticos dos Concellos, que poderán incluír a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas e outros elementos de intereses turísticos; adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes, e actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural.

Data de actualización: 11/05/2023