A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e a directora-xerente do Cetmar inauguraron unha xornada sobre o proxecto europeo Transformar

A Xunta salienta a importancia das investigacións sobre o cambio climático no mar para mitigar o seu impacto

Sagrario Pérez pon como exemplo ferramentas como o Observatorio Costeiro e os proxectos RAIA e CAPTA, que son iniciativas que apostan por avanzar cara ao desenvolvemento sostible e por garantir a economía azul dos nosos mares e costas

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023 A Xunta de Galicia salientou hoxe a importancia das investigacións sobre o cambio climático no mar para mitigar o seu impacto durante unhas xornadas organizadas, no marco do proxecto europeo Transformar, polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar xunto coa Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

Durante a inauguración destas xornadas, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, incidiu na necesidade de desenvolver ferramentas e iniciativas que axuden a comprender en profundidade cales son os efectos do cambio climático no mar e en como reverter as consecuencias.

Nesa liña, Sagrario Pérez, que estivo acompañada da directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, puxo como exemplo ferramentas como o Observatorio Costeiro e os proxectos RAIA e CAPTA, que son iniciativas que apostan por avanzar cara ao desenvolvemento sostible e por garantir a economía azul dos nosos mares e costas.

Máis polo miúdo, a directora xeral explicou que as 120 unidades de medición coas que conta o Observatorio Costeiro, un proxecto coordinado por MeteoGalicia, Intecmar e Cetmar, permiten modelizar a circulación das nosas augas, as consecuencias dos cambios da atmosfera no litoral ou as características das ondas de forma que se obtén un coñecemento fundamental para predicir os riscos aos que se enfronta o litoral e buscar solucións para a súa mitigación.

O Observatorio Oceanográfico RAIA, unha iniciativa na que colaboran Galicia e o Norte de Portugal, permite coñecer, co máximo nivel de precisión, todos os detalles das augas da costa ibérica como a súa temperatura, salinidade ou correntes mariñas, entre outras.

E, grazas aos fondos do Programa Interreg España-Portugal (POPTEC), Galicia vai a cooperar co proxecto internacional Blue Carbon CAPTA para estudar o carbono azul, que é aquel que absorben as augas costeiras e os fondos mariños, de cara a coñecer canto contribúen as augas costeiras á neutralidade climática da Comunidade.

Xornada Transformar

Trala apertura da xornada, que se está a celebrar en Santiago de Compostela e na que están presentes representantes das 22 entidades procedentes de 11 países da Unión Europea que conforman o consorcio Transformar, desenvolveranse unha serie de relatorios técnicos sobre o estudo en Galicia do cambio climático e as ferramentas de xestión de continxencias aplicadas na comunidade.

Transformar abordará nas restantes xornadas de traballo as accións que desenvolve desde outubro de 2021 para facer fronte ao cambio climático e a transformación social en seis territorios a través de solucións baseadas na natureza, nas tecnoloxías innovadoras, nos modelos de financiamento, seguros e gobernanza así como na concienciación e no cambio de comportamentos.

O proxecto Transformar está financiado polo programa H2020 a través da convocatoria Green Deal da Unión Europea e coordinado pola Universidade de Amberes. A previsión é que os seus traballos se prolonguen, polo menos, ata setembro de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2023