A Axega e a Asociación Galega de Empresas Musicais suman esforzos para promover o “sentidiño” en eventos e festivais

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, acompañaron a membros da AGEM nun percorrido polos diferentes departamentos que forman parte do CIAE-112 Galicia

A coordinación da comunicación social cos organizadores dos eventos centrou a visita ás instalacións
 

A Estrada (Pontevedra), 10 de maio de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, acompañaron hoxe a membros das diferentes entidades integradas na Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nunha visita ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)-112 Galicia co obxectivo de sumar esforzos no eido da comunicación, en especial no que respecta á seguridade durante o desenvolvemento dos festivais musicais.

A comunicación xoga un papel decisivo na prevención de situacións de risco en eventos masivos, ao permitir informar ao público sobre as medidas de seguridade e ofrecerlle as recomendacións adecuadas para unha asistencia segura. Por outra banda, tamén facilita a xestión de calquera emerxencia que poida xurdir durante o evento.

Así, esta iniciativa aséntase en dous obxectivos fundamentais: por unha banda, dar a coñecer o funcionamento do 112 Galicia a aquelas persoas encargadas da organización dos principais festivais de Galicia; e por outro, artellar novas fórmulas para reforzar a coordinación da comunicación social do CIAE-112 Galicia con estes axentes.

Isto faise sobre todo no terreo da prevención, coa difusión de consellos e diferentes publicacións na liña do cancelo #sentidiño, que se vén postulando como marca propia dos consellos publicados nas redes do 112 Galicia desde hai varios anos.

Deste xeito esta xornada consolídase coma unha importante oportunidade para aprender sobre posibles melloras da comunicación á poboación a través das canles sociais, así como para fortalecer a coordinación e a seguridade en eventos de asistencia masiva de persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2023