A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde, Eduardo Parga, no que se abordou a adopción de medidas para o calmado de tráfico e o incremento da funcionalidade da estrada que vai a Carballo

A Xunta adxudica a redacción do proxecto para a execución dunha glorieta na AC-418 en Malpica de Bergantiños, co fin de mellorar a seguridade e a fluidez do tráfico na zona de Ventorrillo

Vázquez Mourelle concreta que en outono se prevé ter redactado o proxecto para poder avanzar cara á construción desta glorieta na intersección que vai do rueiro do Ventorrillo ao colexio e á biblioteca

Trátase dunha rotonda de 28 metros de diámetro que facilitará os movementos e garantirá os xiros e cambios de sentido cara ao lado do

A conselleira e o rexedor abordan a colaboración co Concello para a mellora do saneamento de Beo

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 10 de maio de 2023 A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto para a execución dunha glorieta na estrada AC-418, en Malpica de Bergantiños, co fin de incrementar a seguridade e a fluidez do tráfico na zona de Ventorrillo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo José Parga, no que se abordou a adopción de medidas para o calmado de tráfico e o incremento da funcionalidade da estrada que vai a Carballo.

Vázquez Mourelle informou ao alcalde da adxudicación da redacción do proxecto para a execución dunha glorieta no quilómetro 15+470 da estrada AC-418, na intersección que vai do rueiro do Ventorrillo ao colexio e á biblioteca.

A redacción foi adxudicada á consultora Deseños Estruturais e Viarios S.L. por un importe de máis de 18.000 €.

Concretou que se prevé ter redactado o proxecto en outono para seguir avanzando no impulso desta rotonda de 28 metros de diámetro que contribuirá ao calmado de tráfico, xa que suporá un elemento redutor da velocidade nese punto.

A glorieta tamén facilitará os movementos nesa zona do Ventorrillo, garantindo xiros e cambios de sentido máis cómodos e seguros, tanto cara ao lado do colexio e a biblioteca, como cara á rúa Canido.

O proxecto deberá resolver a execución da glorieta e o seu encaixe físico, tendo en conta os condicionantes que existen: as pendentes, as beirarrúas actuais e os servizos que poidan verse afectados.

Ademais o proxecto recollerá a necesidade de afectar a terreos de titularidade privada, prevendo as expropiacións que sexan necesarias para o desenvolvemento da actuación.

Na xuntanza de hoxe tamén se trataron os avances da Xunta para atender a solicitude municipal de mellorar os sistemas de saneamento do Concello, apoiando en concreto a actuación planificada polo goberno local para o lugar de Beo.

Na xuntanza, a conselleira e o rexedor abordaron tamén a colaboración da Xunta co Concello na mellora do saneamento de Beo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2023