A Xunta asina o convenio que permite manter os servizos de autobús urbano entre A Coruña e o núcleo de Meicende, no concello de Arteixo

Mantense a cobertura do servizo que presta a través da liña 6, do que se fará cargo a empresa que está a operar no transporte urbano do Concello da Coruña

Os veciños de Meicende terán acceso á mesma oferta de servizos en condicións equivalentes as actuais en canto a tarifas, descontos, abonos, frecuencias, horarios, características dos vehículos e accesibilidade

O novo convenio terá unha vixencia de 4 anos
 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar de xeito telemático o convenio de colaboración que permite manter activos os servizos de autobús urbano entre A Coruña e o núcleo de Meicende, no concello de Arteixo. O acordo foi rubricado tamén polos rexedores de ambos os dous municipios.

O acordo asinado hoxe supón que o transporte colectivo da Coruña continuará mantendo a cobertura do servizo de transporte prestado pola liña 6 desde o ano 2015.

A través deste convenio, os veciños de Meicende continuarán dispoñendo dunha oferta acorde ás súas necesidades reais para aos seus desprazamentos diarios e en condicións equivalentes as actuais, especialmente no que se refire a tarifas, descontos, abonos, frecuencias, horarios, características dos vehículos e accesibilidade.

Este novo convenio terá unha vixencia de catro anos, a contar dende a súa formalización

O convenio recolle as obrigas das partes, pola que a Xunta permite a extensión do transporte urbano da Coruña para que preste servizos ao núcleo de Meicende. Nos mesmos termos, o Concello da Coruña prestará os servizos de transporte, sen que supoña incremento ningún de custos para o Concello. Pola súa banda, o Concello de Arteixo asume o compromiso de indemnizar ao Concello da Coruña pola extensión deste servizo de transporte colectivo.

Antecedentes

Poder ofrecer este servizo aos veciños de Meicende desde o ano 2015 foi posible grazas á aprobación da Lei 14/2013 de racionalización do sector público, que permite adaptar os servizos públicos ás demandas reais dos cidadáns. Deste xeito, foi posible que o transporte urbano da Coruña saia dos lindes do municipio e preste servizos en Meicende.

Ata entón, o marco xurídico impedía que as necesidades de transporte dos veciños fose cubertas polos servizos de transporte urbano. O cambio lexislativo permitiu que o transporte urbano da Coruña poida transcender os límites municipais e prestar servizo nesa zona do concello limítrofe de Arteixo, un feito que seguirá sendo efectivo grazas ao acordo asinado agora.

Data de actualización: 10/05/2023