A Xunta publica no DOG a convocatoria dos actos expropiatorios dos terreos necesarios para executar o aparcadoiro disuasorio na avenida de Breogán de Lugo

O levantamento de actas previas terá lugar entre o vindeiro día 1 de xuño e a formalización das actas de ocupación será o 11 de xullo, en ambos os dous casos no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra en Lugo

O novo estacionamento, xa licitado e cun investimento previsto de 1,2 M€, situarase nunha zona estratéxica, entre as estradas nacionais N-VI e N-540 e próximo ao Barrio da Residencia

O aparcadoiro distribuirase nunha superficie de 5.700 m² cun total de 148 prazas, das que 4 se reservarán para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros días 1 de xuño e 11 de xullo, dos actos expropiatorios para executar as obras do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na avenida de Breogán, no concello de Lugo.

O novo aparcadoiro, cuxas obras están xa licitadas e en fase de análise das 9 ofertas presentadas por empresas, suporá un investimento que roldará os 1,2 M€.

O novo aparcadoiro, situarase na parcela anexa á citada avenida, estratéxica pola súa situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, ademais de pola súa proximidade ao novo polo de atracción que vai ser o Barrio da Residencia.

Este estacionamento disuasorio distribuirase nunha superficie de 5.700 m² que ofrecerá un total de 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida. 

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 1 de xuño, das 09,00 ás 10, 00 horas, no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 11 de xullo, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230510/AnuncioG0181-260423-0001_gl.html

Máis en detalle, o novo aparcadoiro disporá dun dobre acceso: un ao norte, a través da rúa Barrio Casas, que busca dar servizo aos tráficos que teñen como orixe ou destino o interior da cidade de Lugo e máis concretamente o norte e leste; e outro acceso polo sur, con entrada e saída pola propia avenida de Breogán, pensado como entrada principal e destinado aos coches que teñen como orixe ou destino o exterior da cidade ou que van empregar o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade. 

No seu interior, o aparcadoiro terá 3 eixes viarios, todos unidireccionais e con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de entrada e saída nas prazas de estacionamento: un eixe principal de 70 metros que vai desde a avenida de Breogán ata a rúa Barrio Casas; un eixe perimetral e un eixe central que os conectará. 

Ademais, a actuación permitirá renaturalizar a canle dun regato que discorre parcialmente entubada pola parcela e suporá, tamén, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, acadando as condicións axeitadas na sección transversal. 

A execución deste aparcadoiro completarase coa instalación de alumeado, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación e arborado, que dotarán de sombra no aparcadoiro. 

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 10 meses. 

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2023