A Xunta aposta pola colaboración con asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de auga para consolidar o movemento veciñal

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse con representantes da asociación de veciños As Regas do Carballido, en Lugo, onde puxo en valor o traballo destas entidades a prol da dinamización da vida local

Lugo, 9 de maio de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a asociación de veciños As Regas, da parroquia de Carballido, no municipio de Lugo.

Natalia Prieto incidiu en que a cooperación entre a iniciativa social e a Administración autonómica redunda en medidas que contribúen a mellorar a calidade de vida local e consolidar o movemento veciñal.

Tamén puxo en valor o importante labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol da dinamización da vida social e apelou á necesidade de que as asociacións veciñais, así como as asociacións de mulleres rurais e as comunidades de usuarios de augas, coas que colabora a Xunta, conten con espazos axeitados para o desenvolvemento das súas actividades.

Cómpre ter en conta, tal e como asegurou a directora xeral, que estas entidades son as máis próximas á cidadanía á hora de atender e canalizar as súas demandas e están sempre implicadas na realidade social da súa contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023