A Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía impulsan a peregrinación por mar e a cultura marítima coa xira da embarcación Nao Victoria

A responsable de Portos de Galicia presidiu a recepción institucional á réplica conmemorativa do V Centenario da primeira volta ao mundo, atracada no Monte Real Club de Iates de Baiona, onde se celebra unha xornada de portas abertas

Baiona (Pontevedra), 9 de maio de 2023 

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, impulsa a xira promocional da Nao Victoria entre Andalucía e Galicia como iniciativa de difusión da peregrinación por mar e a cultura marítima. A responsable do ente público, Susana Lenguas, presidiu esta tarde o acto institucional de recepción á réplica da embarcación conmemorativa do V Centenario da primeira volta ao mundo, que se atopa atracada no Monte Real Club de Iates de Baiona, onde se celebra unha xornada de portas abertas para locais e visitantes. No acto estiveron presentes, entre outros, representantes da directiva de Puertos de Andalucía e a Fundación Nao Victoria, así como a propia tripulación do buque, integrada por 15 navegantes.

Portos de Galicia colabora nesta iniciativa coa Agencia Pública Puertos de Andalucía, da Junta de Andalucía, dando continuidade á Travesía Náutica Xacobea que o ano pasado realizou unha peregrinación por mar desde Cádiz a Galicia. Deste xeito, ambas comunidades promocionan as súas instalacións náutico-recreativas e o intercambio de navegantes entre os seus portos co obxectivo de crear fluxos de navegación consolidados poñendo en valor o vínculo desta ruta coa peregrinación xubilea.

A presidenta de Portos lembrou na súa intervención que malia que o 2023 non é Ano Santo, todos os portos deportivos galegos seguen sendo portos xubileos xa que son a porta de entrada de numerosos navegantes que peregrinan a Galicia por mar e desde a costa galega enlazan coas rutas oficiais de peregrinación a Santiago. “Queremos que viaxes como a da Nao Victoria deixen unha estela que poidan seguir moitos outros navegantes aos que esperamos en Galicia, ao final do Camiño”, subliñou.

A réplica da Nao Victoria, que partiu o pasado mes de abril dos portos andaluces de Rota e Mazagón, está aberta aos visitantes no Monte Real Club de Iates de Baiona hoxe e mañá despois de ter visitado durante a semana pasada o porto de Sanxenxo. A entrada é gratuíta.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 09/05/2023