A conselleira de Política Social e Xuventude participou, esta mañá, nunha mesa de traballo con representantes do sector en Edimburgo

Fabiola García sinala que Galicia estase convertendo nun referente a nivel mundial na dixitalización do sistema de coidados

Destacou aquelas medidas pioneiras que se están a implantar nos centros residenciais galegos como as habitacións intelixentes, terapias virtuais ou a mellora do fluxo de información coa Implantación da Historia Clínica Electrónica e a creación dun Censo Único Electrónico

Edimburgo (Reino Unido), 9 de maio de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou que Galicia se está convertendo nun referente a nivel mundial na dixitalización do sistema de coidados. Esta mañá, a conselleira participou nunha mesa de traballo organizada polo Clúster Saúde de Galicia en Edimburgo co título ‘Overview of the Digital Health and Care Ecosystem in Scotland’ e á que asistiron membros do Goberno escocés e representantes do sector neste país.

Fabiola García sinalou que un sistema de coidados máis tecnolóxico non é incompatible cun sistema máis humano. Neste sentido, lembrou que un dos piares do novo modelo de coidados do Goberno galego aposta precisamente por implantar as vantaxes tecnolóxicas neste ámbito para facilitar o traballo dos profesionais e mellorar a atención que reciben as persoas con dependencia.

A conselleira destacou que coa posta en marcha deste novo modelo, Galicia está a implantar medidas pioneiras nos centros residenciais da nosa Comunidade como a incorporación da Historia Clínica Electrónica, para intercambiar información sobre os usuarios, ou a elaboración dun Censo Único Electrónico, que permite cruzar os datos sanitarios e sociais de forma dixital e mellorar o fluxo de información.

Centros máis dixitais

No día a día dos centros, tamén se están incorporando novos mecanismos como a creación de habitacións intelixentes que permiten identificar caídas ou falta de movemento das persoas residentes ou o uso de terapias dixitais para que os maiores fagan exercicios de memoria, mobilidade e equilibrio a través de videoxogos.

Pola súa banda, a conselleira fixo fincapé no reforzo daqueles servizos que ofrecen ás persoas maiores a liberdade de decidir onde e como facerse maiores. Así, lembrou a importancia de ofrecer unha sólida rede de servizos de proximidade que atenda ás necesidades das persoas que viven soas. Para iso, apuntou ao reforzo que a Xunta está a facer do servizo de Teleasistencia avanzada, así como a creación de casas do maior en concellos pouco poboados do rural e o impulso de programas como Coidados porta a porta ou o Xantar na casa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023